A xornada ten como finalidade abrir un espazo de análise e diálogo entre profesionais case catro décadas despois da fundación da primeira destas formacións. O folleto de presentación da actividade asegura que pretende “reflexionar sobre o papel que estas institucións desempeñan na actualidade dentro da escena musical galega”. Representantes das tres orquestras citadas exporán os retos afrontados e os desafíos vindeiros, a filosofía que orienta o seu labor e a súa repercusión social, cultural, pedagóxica e territorial no conxunto do sistema institucional galego.
O programa
O programa comezará cunha intervención de Eduardo Alonso, quen abordará o papel do IGAEM como motor do impulso musical en Galicia nos anos oitenta. A continuación, ás 11:10 horas, celebrarase unha mesa redonda na que participarán Joám Trillo, fundador e director da Xove Orquestra de Galicia entre 1987 e 1995; Fernando Raña, integrante da mesma formación; Juan Antonio Cuéllar, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia; Sabela García Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia; e Baldur Brönnimann, director musical e artístico desta última. O debate estará moderado por Montserrat Capelán, membro da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG.
O ciclo
Esta xornada é a segunda dun ciclo de tres sesións que afondan no papel das entidades institucionais galegas que están directamente relacionadas coa creación escénica, musical e audiovisual. “Tras catro décadas desde a creación das primeiras, con vistas a revisar e actualizar os seus obxectivos, estrutura e funcionamento, nomeadamente en relación coas creadoras e coa sociedade galega” apunta o programa da actividade. A primeira sesión tivo lugar en novembro e analizou traxectoria do Centro Dramático Galego desde a súa creación en 1984 en relación coa creación e a produción escénica, ao tempo que repensaba os retos que afronta o CDG de cara ao futuro.
Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Esta actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, e composta por Inmaculada Ricoy, Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro Rodríguez, Montserrat Capelán Fernández, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García,.



