----

“Proxector” escolma unha ducia de vídeos sobre a perspectiva de xénero na investigación

A entrega de marzo de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega que elaboran o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), céntrase na “Perspectiva de xénero na investigación: cara a unha ciencia de calidade”. No ronsel do 8M, Día Internacional da Muller, ofrece “unha escolma de recursos nos que a muller é o centro do estudo e debate, co ánimo de reivindicar unha ciencia de vangarda que corrixa os puntos cegos da investigación tradicional e achegue unha foto completa da realidade”.

Accede ao especial

Ao fío do 8 de marzo, esta entrega do especial “Proxector” lembra que máis do 80% dos medicamentos retirados do mercado estadounidense entre 1997 e 2000 debeuse a que provocaban unha maior toxicidade nas mulleres e que non fora testado previamente cunha perspectiva de xénero. Tamén recolle que malia que as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte en mulleres a nivel mundial, os diagnósticos tardíos de infartos tamén son máis habituais en mulleres, ao non terse en conta na práctica clínica que os seus síntomas son diferentes.

O especial comeza cun capítulo da serie de ficción Sophias elaborada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) co obxectivo de crear recursos audiovisuais que axuden a divulgar no ensino as ideas da mulleres filósofas ao longo da historia. Desde a Universidade de Vigo chega un par vídeos didácticos: un a cargo de Iria Vázquez Vázquez que explica o concepto de igualdade efectiva ou real entre homes e mulleres máis os indicadores que se teñen en conta; e outro da man de Cristina Míguez, coa colaboración da comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela), para explicar o concepto “fenda salarial”, que fai referencia á diferenza dos salarios que perciben os homes e as mulleres por realizar o mesmo traballo.

Eras dos que pensabas que as nobres e aristócratas galegas da Idade Media vivían pechadas en castelos? Os historiadores Miguel García-Fernández e Diana Pelaz Flores desmontan o tópico e falan da gran mobilidade xeográfica destas mulleres, tanto dentro coma fóra do reino, o que evidencia a súa influencia e protagonismo na sociedade medieval.

Da plataforma TED escólmanse dous vídeos. Un no que a enxeñeira Alicia Chong Rodriguez explica como un suxeitador intelixente pode converterse nun salvavidas, ao estar deseñado para recoller datos en tempo real a través de biomarcadores como o ritmo cardíaco, a respiración e a temperatura. Foi traducido ao galego por María Suárez Seijas. E outro no que a médica de urxencias Alyson McGregor conta como o modelo masculino se converteu na referencia para a investigación médica, e como atender as diferenzas entre homes e mulleres pode xerar tratamentos máis efectivos para ambos os sexos. Tradución ao galego de Ángela González.

A escolma inclúe o documental dirixido por Sonia Díaz e Óscar Vázquez, "As mulleres migrantes terman do mundo" no que catro xeracións de mulleres migrantes falan sobre a súa contribución á supervivencia e ao benestar familiar, e sobre o desigual reparto do peso dos coidados, na localidade galega de Burela e na illa caboverdiana de Santiago.

A integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas, o estudo da lingua das mulleres ou a muller galega na idade contemporánea son outros dos recursos que se inclúen nesta entrega de proxector.

“Proxector”
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.