Perspectiva de xénero na investigación: cara a unha ciencia de calidade

Historicamente, a ciencia empregou a realidade dos homes como estándar universal, ignorando a realidade e as necesidades específicas das mulleres e producindo un baleiro de coñecemento que se coñece como “fenda de datos de xénero”. Incorporar a perspectiva de xénero na investigación non é só unha cuestión de ética e de xustiza social, senón de excelencia e rigor científico. Non facelo produce datos incompletos e, nalgúns casos, mesmo perigosos. Aínda que a omisión de datos de xénero afecta a todas as áreas do coñecemento, dous exemplos concretos do campo da medicina e a industria farmacéutica poden axudarnos a entender a dimensión do problema: segundo o propio goberno estadounidense, máis do 80% dos medicamentos retirados do mercado entre os anos 1997 e 2000 debeuse a que provocaban unha maior toxicidade nas mulleres (algo que non acontecería se non tiveran sido testados case exclusivamente en homes nos ensaios clínicos previos); por outra parte, malia que as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte en mulleres a nivel mundial, os diagnósticos tardíos de infartos tamén son máis habituais en mulleres, ao non terse en conta na práctica clínica que os seus síntomas son diferentes.

Neste mes no que se conmemora o Día Internacional da Muller, desde Proxector queremos ofrecer unha escolma de recursos nos que a muller é o centro do estudo e debate, co ánimo de reivindicar unha ciencia de vangarda que corrixa os puntos cegos da investigación tradicional e achegue unha foto completa da realidade.

Iluminadas

Segundo capítulo (5´ 05´´) da serie web de ficción Sophias, elaborada polo Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear recursos audiovisuais que axuden a divulgar no ámbito do ensino as ideas das mulleres filósofas ao longo da historia.

Nesta segunda entrega terás a oportunidade de achegarte ao pensamento de Mary Wollstonecraft e Olympe de Gouges, filósofas que, no marco da Ilustración, reivindicaban que a muller fose tida en conta como suxeito social e incorporada en igualdade á nova orde social.

Igualdade efectiva ou real

A investigadora Iria Vázquez explícanos neste vídeo didáctico (2´ 21´´) que significa o concepto de igualdade efectiva ou real entre homes e mulleres e cales son os indicadores que se teñen en conta para avaliar se na nosa sociedade se acadou esa igualdade efectiva.

A peza forma parte da serie de vídeos divulgativos “Unha cuestión de xustiza social”, producida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, coa colaboración da comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela).

Nobres galegas en desprazamento

Eras dos que pensabas que as nobres e aristócratas galegas da Idade Media vivían pechadas en castelos? Neste vídeo (1´ 48´´) os historiadores Miguel García-Fernández e Diana Pelaz Flores desmontan o tópico e fálannos da gran mobilidade xeográfica destas mulleres, tanto dentro coma fóra do reino, o que evidencia a súa influencia e protagonismo na sociedade medieval.

Esta peza forma parte do proxecto O Reino no mapa, creado por Mazarelos Coop para divulgar de maneira visual e gráfica diferentes aspectos da organización política, social e cultural do Reino de Galicia.

Un suxeitador intelixente para unha mellor saúde cardiovascular

As cardiopatías e os accidentes cerebrovasculares son as principais causas de morte e discapacidade no mundo. Ademais, no caso das mulleres, este tipo de eventos non só son máis difíciles de recoñecer, diagnosticar e tratar, senón que as posibilidades de morte despois de sufrilos son maiores. Podería a tecnoloxía axudar no campo da investigación cardiovascular achegando novos datos procedentes das mulleres (normalmente infrarrepresentadas neste tipo de estudos)? Nesta charla TED (6´ 03´´) a enxeñeira Alicia Chong Rodriguez explícanos como un suxeitador intelixente pode converterse nun salvavidas, ao estar deseñado para recoller datos en tempo real a través de biomarcadores como o ritmo cardíaco, a respiración e a temperatura.

Tradución ao galego de María Suárez Seijas para #TEDSaúde 2022.

As mulleres migrantes terman do mundo

Documental (54´ 59´´) no que catro xeracións de mulleres migrantes falan sobre a súa contribución á supervivencia e ao benestar familiar, así como sobre o desigual reparto do peso dos coidados, na localidade galega de Burela e na illa caboverdiana de Santiago.

O documental está realizado por Agareso, co apoio da Universidade da Coruña, e dirixido por Sonia Díaz e Óscar Vázquez.

O traballo social na violencia de xénero

Vídeo divulgativo (5´ 43´´) elaborado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) no que Paz Ramil Maseda, traballadora social no Centro de Atención Primaria de Ribadeo, nos conta cal é a función dos traballadores/as sociais na detección e tratamento de casos de violencia de xénero no ámbito sanitario (tanto nos centros de atención primaria como nos servizos hospitalarios de urxencias).

Fenda salarial

Nova entrega da serie de vídeos divulgativos “Unha cuestión de xustiza social”, producida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo.

Neste vídeo (2´ 53´´) a investigadora Cristina Míguez, coa colaboración da comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela), explícanos o significado do concepto “fenda salarial”, que fai referencia á diferenza dos salarios que perciben os homes e as mulleres por realizar o mesmo traballo.

A integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas

Vídeo (7´ 50´´) no que se resumen e explican os principais conceptos relacionados coa integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas, realizado como material audiovisual de apoio á colección de guías didácticas “Integra o xénero”, editadas en 2023 pola Deputación da Coruña.

Material complementario: guías, manuais para docentes e recursos didácticos.

O estudo da lingua das mulleres

Neste vídeo divulgativo (1´ 59´´) Virginia Acuña Ferreira fálanos da lingüista estadounidense Robin Lakokk, que nos anos 70 do século pasado comezou a estudar e describir a “lingua das mulleres” e actualmente está considerada a impulsora dos estudos sobre a relación entre xénero e usos lingüísticos.

Esta foi unha das pezas presentadas á terceira edición do concurso "YouTubers Científicos", organizado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo dentro do plan "Ciencia de Ida e Volta".

Historia das mulleres dos mortos

Vídeo divulgativo (15´) no que Olalla López, profesora da área de Arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, nos amosa como pode reconstruírse o estilo de vida da antigüidade a partir do estudo de restos humanos. Na súa charla pon o foco na importancia de incorporar a perspectiva das mulleres na investigación arqueolóxica (un mundo historicamente dominado por homes).

A charla tivo lugar o 12 de febreiro de 2023 no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do programa de divulgación científica "A foto 51", organizado polo Concello de Pontevedra, en colaboración co xornal GCiencia e o programa Efervesciencia (Radio Galega).

A muller galega na Idade Moderna

Nesta entrevista (22´ 23´´) Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna na USC, reflexiona desde a perspectiva de xénero sobre diferentes aspectos da Galicia moderna: o fenómeno migratorio, a imaxe das galegas na literatura, a taxa de ilexitimidade, as feiras como espazo de socialización e a visibilidade das mulleres nas fontes documentais. Para rematar fálanos da introdución da perspectiva de xénero nos actuais plans de estudos universitarios e sobre como mellorar a divulgación de contidos históricos.

A peza, elaborada por Mazarelos Coop, forma parte do ciclo de entrevistas divulgativas Baixa á praza, onde diferentes expertas reflexionan, desde distintas prazas de Santiago de Compostela, sobre elementos da historia e a memoria de Galicia.

Por que a medicina ten con frecuencia efectos secundarios perigosos para as mulleres?

Ao longo do século pasado, os medicamentos probábanse só en doentes masculinos, ignorando as diferenzas fisiolóxicas existentes entre os dous sexos, e provocando graves efectos secundarios nas mulleres. Nesta charla de TED (15' 29'') a médica de urxencias Alyson McGregor cóntanos como o modelo masculino se converteu na referencia para a investigación médica, e como atender as diferenzas entre homes e mulleres pode xerar tratamentos máis efectivos para ambos os sexos.
Tradución ao galego de Ángela González para #TEDSAÚDE USC.