NOTICIA

----

Unha xornada aborda a política cultural local na xornada “Cultura e Concellos”

As políticas culturais municipais son fundamentais para o desenvolvemento da cultura en Galicia. As administracións locais son as máis próximas á cidadanía, manteñen as infraestruturas e programacións básicas e garanten o acceso da cidadanía á cultura. A V xornada “Cultura e concellos” da Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Alberto García, aborda a situación da cultura municipal a través da exposición dunha serie de retos, ferramentas e casos prácticos para coñecer a súa situación a día de hoxe. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; máis o responsable da sesión, Alberto García, inauguran esta sesión que tamén se seguir en directo desde o web corporativo e a nosa canle de YouTube.

Dúas décadas despois de que o CCG iniciase unha liña de análise das políticas culturais municipais da man de Xan Bouzada, a comisión de xestión e políticas culturais recupera esta liña de traballo cunha sesión que amosa as tendencias actuais en canto á cultura local a través da exposición dunha serie de retos, ferramentas e casos prácticos.

Programa
A xornada comeza cun relatorio marco sobre os “4 retos das políticas municipais na actualidade” a cargo de Alberto de Boiro, técnico municipal, membro da Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do CCG e coordinador da xornada. Eses catro retos son os que marcan a estrutura da sesión: a primeira temática abordará os dereitos culturais, destacando o cambio de paradigma dunha cultura entendida exclusivamente como recurso económico cara á cultura como dereito cidadán. Como exemplo práctico, Uxío Novo presentará o traballo do concello da Coruña para a elaboración dunha carta de dereitos culturais da cidadanía.

Seguirase coa temática de cultura e comunidade, na que se subliñará a capacidade da cultura comunitaria para fortalecer os valores sociais fronte aos efectos do individualismo. Tania Sánchez, de Outonía cooperativa, compartirá a experiencia do proxecto Confluencias, unha cartografía fluvial con perspectiva de xénero. A sesión continuará co tema de servizos públicos e saúde colectiva, promovendo a cultura tamén como servizo de “atención primaria”. Como exemplo, proxectos como Turbina para a atención á adolescencia no Concello de Boiro, coa concelleira María Outeiral, ilustrarán esta perspectiva.

O cuarto reto, cultura e territorio, centrarase na defensa da paisaxe cultural e dos modos de vida sustentables como elementos centrais da cultura dun país. Joám Evans presentará a experiencia da Fundación Montescola como modelo de actuación neste eido.

O programa conta cunha liña de acción coordinada por Adela Vázquez, coautora do Manual para políticas culturais municipais: 25 accións para fortalecer a cultura no teu concello da Deputación da Coruña, para amosar catro ferramentas prácticas para o traballo municipal. A primeira abordará os dereitos culturais e o dereito a participar e a codecidir, con Marcos Lorenzo e Maruxa Suárez Cotelo. Esta última, concelleira de Cultura de Carballo, explicará o proceso participativo no Concello de Carballo para definir os usos do novo auditorio.

A segunda ferramenta reflexiona sobre o binomio “cultura e comunidade”, coa experiencia do Concello de Vedra presentada por Iván García e un representante municipal.

A terceira ferramenta abordará cultura, coidados e saúde, coa experiencia do Concello de Pontevedra compartida por Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura.

Finalmente, a cuarta ferramenta tratará sobre cultura e territorio, con Manuel Araújo, técnico do Concello de Ribadavia, explicando a experiencia municipal neste ámbito.

Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais
Este ciclo insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade que realiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que coordina Paula Cabaleiro e que está conformada por Uxía Caride Blanco, Marián Fernández Álvarez, Alberto García Sánchez, Julio Gómez, Encarna Lago González, Marcos Lorenzo Gallego, Roberto Pascual Rodríguez, Llerena Perozo Porteiro e Ruth Sousa Estévez.