Como é habitual a xornada “Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural” celébrase en dobre sesión. O martes intervirá Verónica Sánchez Carrera, arquitecta e urbanista española especializada en arquitectura humanitaria e planificación urbana sostible. É cofundadora do colectivo n’UNDO, que propón un urbanismo máis crítico e responsable, defendendo que ás veces a mellor intervención é reducir ou desfacer intervencións que danan o territorio. Na súa intervención achegará o seu pensamento sobre urbanismo sostible e sobre a necesidade de intervir menos no territorio que se aplica tamén ás zonas costeiras, onde a urbanización excesiva e a presión turística poden degradar os ecosistemas. A súa visión aposta por planificar mellor as cidades e o territorio, protexendo espazos naturais como as costas e evitando transformacións innecesarias.
A partir da súa intervención, o mércores 18 de marzo (17.00 horas) terá lugar o debate con expertos galegos para analizar cuestións relacionadas coa planificación territorial e o medio ambiente. Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, achegará a visión xurídica sobre a regulación do territorio litoral e o papel das administracións públicas na súa protección. O arquitecto urbanista Manuel Borobio Sanchiz, intervirá dende a súa experiencia na xestión do territorio, do litoral e da paisaxe en Galicia, na elaboración do Plan de ordenación do litoral, tratando de manera coordinada a ordenación do territorio e da paisaxe. Pola súa parte, a arquitecta e investigadora Elisa Gallego Picard, do grupo GCeT (Grupo de Ciudades y Territorio) da Universidade de Santiago de Compostela, contrapoñerá a súa ollada que deixa espazo ao aspecto simbólico e significativo inherente ao litoral a un desenvolvemento convertido en axente potencial da súa destrucción
Finalmente, a bióloga Lucía Soliño Alonso, presidenta de ADEGA Vigo, destacará a necesidade de protexer os ecosistemas e promover un modelo de desenvolvemento máis respectuoso co medio mariño e terrestre.
Os Encontros Temáticos Transversais
En 2025 a Sección de Patrimonio e Bens Culturais puxo en marcha o proxecto “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural (ETTPC)” para afondar a transformación do territorio. Nas primeira sesión abordouse o tema da paisaxe da man de a arquitecta e investigadora Rebeca Merino del Río, coa réplica de Manuel Mª Chaín Pérez, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventud; o xeógrafo Xosé Constenla Vega da Universidade de Vigo; o antropólogo José Antonio Cortés Vázquez de AGANTRO, Universidade da Coruña, CISPAC e a enxeñeira agrónoma Inés Santé Riveira da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén se analizou a paisaxe co xeografo catalán Joan Nogué iFont, mentres que pola banda galega investiron o xeógrafo Valerià Paül Carril, o biólogo Jaime Fagúndez Díaz, a economista María do Mar Pérez Fra e a comunicadora audiovisual do Instituto de Estudos Ulloáns, Patricia Coucheiro González. A situación do rural analizouse en febreiro de 2026 coa presenza do antropólogo Jaume Franquesa e, da banda galega, Joám Evans Pim, da Fundación Montescola; Rosa Regueiro Ferreira, economista da Universidade de Santiago de Compostela; Rafael Saco Fernández, do Laboratorio Ecosocial do Barbanza; e Xabier Simón Fernández, economista da Universidade de Vigo e membro do Observatorio Eólico de Galicia, moderado por Carlos Amoedo.



