NOTICIA

----

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora Cénit, publicación de Hijas de Galicia

Cénit é unha das publicacións xurdidas no marco da sociedade de Hijas de Galicia na Habana, activa entre 1938 e 1960. Preto dunha vintena de números desta cabeceira incorpóranse neste mes de marzo ao “Repertorio da prensa da emigración galega”, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).

Cénit é unha das cabeceiras da sociedade Hijas de Galicia. Tivo periodicidade mensual, carácter gratuíto e edición bilingüe —aínda que con predominio do castelán—, funcionou como voceiro societario e espazo de difusión cultural e social da colectividade galega emigrada. Xurdida tras a desaparición de Fragancias, a revista informaba dos servizos da entidade, das actividades e da súa directiva, ao tempo que incorporaba contidos sobre teatro, cine e música, así como artigos divulgativos, narracións literarias e ensaios sobre cultura galega e cuestións femininas. Dirixida inicialmente por José Álvarez Núñez e, nos seus últimos anos, por José Antonio Clark —con Daniel Mosquera na subdirección, Rosa Artiles na administración e Amada Borges como xefa de redacción—, contou coa colaboración de diversas figuras do ámbito cultural. No marco desta posta en liña incorpóranse 26 números conservados e numerados, que abranguen desde o primeiro exemplar (nº 1, xullo de 1938) ata o nº 197 (agosto de 1960), ofrecendo así unha mostra significativa da súa longa traxectoria e da evolución dos seus contidos ao longo de máis de dúas décadas.

O “Repertorio da prensa da emigración galega”
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG. Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse 46 número novos de El El despertar Gallego, cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza e o xornal TEO.