O programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz” nace como un espazo de escoita activa, diálogo horizontal e aprendizaxe mutua, co obxectivo de situar os dereitos culturais no centro das políticas públicas e da convivencia intercultural. Coordinado por Paula Cabaleiro, Ruth Sousa e Encarna Lago, concrétase en catro sesións (escoitadoiros) nas catro provincias galegas, así como nunha sesión de posta en común que pretende incorporar voces diversas desde unha perspectiva interseccional, promovendo a participación real das comunidades migrantes e racializadas e contribuíndo á construción dunha cultura de paz baseada na xustiza social e na igualdade.
O proceso busca identificar barreiras, visibilizar boas prácticas e xerar coñecemento aplicado arredor do exercicio dos dereitos culturais en Galicia. A creación deste programa é a continuidade dunha liña de traballo que permitiu a realización do informe Acceso á cultura en Galicia, presentado o pasado mes de febreiro.
Primeira parada: Friol
A xornada contará coa mediación documental de Leonardo Ezequiel Casado e nela presentaranse múltiples proxectos que exemplifican a diversidade de experiencias e enfoques arredor dos dereitos culturais. As persoas participantes reflexionarán, a partir das súas prácticas, sobre as barreiras reais que atopan —desde o acceso á lingua, a precariedade ou a invisibilización— e tamén sobre estratexias que están a funcionar nos seus contextos. Bernardo Penabade reflexionará a partir do Proxecto Neo, unha iniciativa educativa e radiofónica nacida en Burela que utiliza a comunicación como ferramenta de integración, dando voz a persoas neofalantes —moitas delas de orixe migrante— e promovendo o galego como espazo común de encontro e inclusión ; Laura Burgué compartirá Proximidade Llunyana, un proxecto expositivo e de memoria que reconstrúe, a través de obxectos, fotografías e testemuños, as experiencias de mulleres migrantes galegas e o impacto interxeracional da emigración ; Ali Laha Díaz, Pedro Cantero e Vitor Fraga desenvolven unha proposta colaborativa centrada na creación artística como ferramenta de inclusión social; Simón Rodríguez parte de O Galego de Caracas, un traballo que recupera e visibiliza o uso da lingua galega na diáspora venezolana; Kirenia Martínez Acosta achegará Kirenia Danza, un proxecto que combina danza e identidade migrante como forma de expresión cultural; Ralf Jürgens exporá Do Picho, unha iniciativa de creación comunitaria que conecta territorio e diversidade; Evelin Ruiz presentará 113+, centrado na intervención social e o acompañamento de persoas en situación de vulnerabilidade; Carmen Amigorena Teijeiro fala a partir do proxecto Nosotrxs en Rede, unha plataforma que xera redes de apoio e participación para persoas migrantes; Alisa Smirnova compartirá o Proxecto Equilibrio, orientado ao benestar emocional e á integración a través de prácticas culturais; Vadim Yukhenevich achegará a súa experiencia persoal e creativa como exemplo de hibridación cultural; Cris Bamio presentará Dopelgänger, unha proposta artística que explora identidade e alteridade desde o rural; Hanoi Vidal exporá Éxodo de la Conciencia, unha iniciativa performativa que reflexiona sobre migración e pensamento crítico; Carmen Porteiro dará conta de Mulleres das/nas aldeas, que visibiliza o papel das mulleres no rural e as súas redes de coidados; Ana Bereciartua presentará Culturas en diálogo, un espazo de encontro intercultural impulsado pola comunidade rioplatense; Romina Natalia Barrientos abordará o traballo de AGAMA na recuperación da memoria galego-arxentina; Luzia Oca compartirá a súa investigación aplicada e acción social en Mulleres a fronte, centrada nas mulleres migrantes en Burela; Jessica Fernández achegará o proxecto comunicativo neofalantes.gal, que divulga experiencias de adopción do galego; Stephanie Cubides presentará o traballo de MINOM, que vincula saúde, cultura de paz e bo vivir; Waldir Sinisterra ofrecerá a perspectiva institucional das políticas migratorias a nivel local; e Soila Jankowska compartirá Raíces del corazón, unha proposta que afonda na identidade, a pertenza e os vínculos afectivos das persoas migrantes.
Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais
Este ciclo insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade que realiza a Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais que coordina Paula Cabaleiro e que está conformada por Uxía Caride Blanco, Marián Fernández Álvarez, Alberto García Sánchez, Julio Gómez, Encarna Lago González, Marcos Lorenzo Gallego, Roberto Pascual Rodríguez, Llerena Perozo Porteiro e Ruth Sousa Estévez.



