NOTICIA

----

O ciclo “Revisando a nosa arte” achégase á figura de Amparo Segarra

Amparo Segarra converteuse, nos últimos anos, nunha referencia da reconstrución do discurso feminino dende o período de entreguerras, o exilio e o retorno a España. Xunto co seu home, Eugenio Granell, configuraron unha das máis destacadas coleccións de arte de vangarda e un dos legados máis importantes do país. Sobre a dimensión da súa figura falarán Susana Cendán Caaveiro, Carmen Gaitán Salinas, Lorena Rodríguez e Rosario Sarmiento Escalona na xornada “Amparo Segarra. Corpos de papel”. A cita está coordinada por Eduardo Valiña e insírese no ciclo “Revisando a nosa arte”. A presidenta, Rosario Álvarez, a coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Paula Cabaleiro; xunto co coordinador da sesión inauguran a cita que terá lugar este mércores 25 de marzo (17:00 horas). Pode seguirse en directo a través do web e da canle de YouTube do CCG.

A nova sesión do ciclo “Revisando a nosa arte”, detense na figura de Amparo Segarra unha muller que, desde unha postura clara e firme, denunciou o desequilibrio de xénero a través da construción de colaxes, dende os anos cincuenta ata a volta do exilio, nos anos oitenta do pasado século. Tivo unha destacada traxectoria dentro da interpretación como actriz de teatro e na confección de vestiario para diversas obras. Compañeira de Eugenio Granell, un dos grandes representantes d movemento surrealista, desempeñou un papel central do universo granelliano, tanto nos diferentes destinos do Caribe (República Dominicana, Guatemala, Porto Rico), como na chegada aos Estados Unidos, así como no retorno e na configuración da Fundación que administra a súa colección desde Santiago de Compostela.

A xornada
O programa conta cunha serie de intervencións que permiten trazar un percorrido plural pola súa traxectoria creativa, conectando investigación, comisariado, conservación e docencia. Abre o programa Carmen Gaitán Salinas, investigadora permanente do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas, quen desde a súa perspectiva no ámbito da historia da arte contextualiza a figura de Segarra nos marcos historiográficos e culturais nos que se inscribe a súa produción. A sesión de relatorios continúa con Rosario Sarmiento, historiadora da arte e comisaria independente, que achega unha lectura curatorial da obra, destacando as súas claves discursivas e expositivas; Lorena Rodríguez, conservadora-restauradora da Fundación Eugenio Granell, que aborda cuestións materiais e de conservación, fundamentais para comprender a dimensión física e patrimonial da colección; e Susana Cendán, profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo, que pecha a xornada cunha reflexión desde o ámbito académico, incidindo na proxección pedagóxica e contemporánea do legado de Segarra.

O ciclo "Revisando a nosa arte"
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Estas xornadas serven para poñer en valor ás súas obras, os seus procesos creativos e as súas traxectorias. Afondouse no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. No marco deste ciclo analizáronse as figuras de Carlos Maside, Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño, Paco Pestana, Alberto Datas, Tino Grandío, Manuel Torres e máis recentemente Francisco Miguel.