NOTICIA

----

A enxeñaría aeronática e do espazo centran a terceira sesión dos "Diálogos interxeracionais"

O lanzamento ao espazo do satélite Xatcobeo ou o establecemento do Polo Aeroespacial de Galicia son algúns dos pequenos fitos no ámbito da enxeñería da aeronáutica e do espazo en Galicia. Sobre eles falarase na terceira edición dos “Diálogos Interxeracionais”, programa promovido pola Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) para promover vocacións científicas. Javier Méndez Zunzunegui coordina este proxecto que xuntará este xoves no IES de Nigrán á primeira enxeñeira aeronáutica española, Isaura Clavero Paradiñeiro, coa cofundadora e directora executiva de UARX Space; Yanina Hallak Fiorenza; e a exalumna da primeira promoción do Máster en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, e Claudia Álvarez Souto. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón; o coordinador do proxecto e a, dinamizadora da biblioteca do IES Val Miñor, Susana Díaz abrirán a sesión.

O CCG puxo en marcha en 2022 o programa “Diálogos interxeracionais” que busca fomentar vocacións científicas mediante conversas distendidas entre alumnado de bacharelato e profesionais. Os encontros son gravados e o material edítase posteriormente como recurso pedagóxico. Nesta terceira sesión abordarase a enxeñaría aeronáutica e do espazo.

Durante o encontro, moderado por Higinio González Jorge, director do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (IFCAE) da Universidade de Vigo, trataranse cuestións como a evolución dos estudos de enxeñaría ao longo do tempo, o impacto da informática nos cálculos e nos procesos de deseño, a incorporación da muller aos estudos superiores e as perspectivas —pasadas, presentes e futuras— das persoas tituladas en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Tamén se abordarán aspectos máis persoais, como os retos e as satisfaccións que marcan unha carreira técnica.

Pequenos fitos da aeronáutica en Galicia
No ano 2001, coa instalación da empresa de compoñentes aeronáuticos COASA no polígono industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense), iniciouse en Galicia a actividade empresarial neste ámbito. Desde entón producíronse fitos clave, como a creación do Consorcio Aeronáutico Galego (2007), o lanzamento do satélite Xatcobeo (2012), o establecemento do Polo Aeroespacial de Galicia (2014), a implantación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo (2015) e a creación do Instituto de Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (2023). Todos eles contribuíron a situar Galicia como un referente emerxente e innovador no sector a nivel estatal e europeo.
A colaboración entre universidade, centros de investigación, Administración pública e industria privada favoreceu nos últimos anos o xurdimento de novas empresas, como UARX Space, especializada no desenvolvemento de vehículos de transferencia orbital; Alén Space, centrada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites; ou Marine Instruments, que desenvolveu un dron empregado en tarefas de vixilancia. Estas empresas, localizadas no Porto do Molle (Nigrán), exemplifican a capacidade do sector aeroespacial galego para transformar o coñecemento científico e tecnolóxico en actividade empresarial de alto valor engadido.

A Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as actividades recentes desta sección inclúense xornadas sobre a homoxeneización do espazo forestal e sobre os alimentos “responsables”, así como a elaboración de materiais didácticos e informes como A divulgación da ciencia en Galicia, que compila a variedade e calidade das iniciativas existentes no país para a difusión do coñecemento científico.

Forman parte desta sección Susana Bayo Besteiro, Ánxela Bugallo Rodríguez, Eduardo Corbelle Rico, Alicia Estévez Toranzo, Alejandro Gorgal Romaris, Federico Martinón, Javier Méndez Zunzunegui, Blanca Puig, Xacobo de Toro Cacharrón, Xosé María Varela e Manuel Vicente García, que achegan perfís e experiencias complementarias