NOTICIA

----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Hijas de Galicia

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer a disposición da cidadanía material documental dixitalizado dunha das institucións máis relevantes e pioneiras da colectividade galega en Cuba e do asociacionismo galego no exterior: Hijas de Galicia. Sociedad de Asistencia Sanitaria y Protección a la Mujer y al Niño. A acta fundacional, estatutos, regulamentos, memorias, recibos de pagamento de cotas, libros de actas… son algúns dos documentos que se soben á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que ten como obxectivo poñer en valor estes fondos documentais para ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

Hijas de Galicia foi a gran sociedade mutualista de Cuba que chegou a ter máis de 60.000 asociados e asociadas. Destacou polos seus servizos sanitarios e sociais para “proporcionar asistencia sanitaria, auxilio y amparo a la mujer y al niño, especialmente a las naturales de la Región Gallega. Concederá los mismos beneficios a las de otras regiones españolas y de diferente nacionalidad”, tal e como figura na acta fundacional desta entidade, un dos documentos máis destacados dos que se inclúen nesta entrega.

No marco desta acción, creou un hospital ao que chamaron “Concepción Arenal”, que chegou a ter oito plantas, cinco salóns de cirurxía e dez salas de hospitalización, nas que se chegou a atender máis de 200 pacientes diarias cun cadro médico de máis de 40 especialistas de renome en toda a illa.

Tamén desenvolveu actividades culturais, deportivas e educativas, e o especial deste mes destaca a súa relación co movemento sufraxista cubano e a súa participación nos diversos congresos nacionais feministas que se celebraron na Habana na primeira metade do século XX.

A historia da sociedade evolucionou co devir político e social da illa. “O triunfo da Revolución cubana marcou un profundo cambio social na illa e nas asociacións de galegos”, apunta o especial. Nese momento, o seu hospital foi expropiado e pasou a chamarse “Hospital Materno Infantil Diez de Octubre”, que hoxe en día segue a ser un referente sanitario na illa. Tamén foi nacionalizado o balneario, que pasou a chamarse “Círculo Social José Luis Tasende” para uso da clase obreira.

Hijas de Galicia está nos comezos do feminismo galego e cubano. Ademais de ser unha sociedade histórica na atención ás necesidades das mulleres na illa, foi tamén pioneira en incorporar mulleres á súa directiva. A primeira en ocupar este cargo foi a pioneira do feminismo e pedagoga renovadora Andrea López Chao. Acompañárona como vogais Gloria Díaz, Isabel Queralto, María Teresa Queralto, Josefa del Río, María Monteirín, Catalina Miranda, Josefa Piedra e Carlota González.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega.

A divulgación desta selección de fondos é de periodicidade mensual: en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Alianza Céltigos, Incio; Corbelle y sus contornos; Carballiño y su partido; a Liga Santaballesa de Educación e Instrución; Progreso de Lanzós; El Valle del Oro; do Centro Galego de Lisboa; das sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad Gallega de Venezuela, entre outros.