A actividade está programada para atender á situación da danza e das artes do movemento desde dúas perspectivas. Dunha banda, coa presentación do informe titulado “iniciativas independentes no ámbito da danza e as artes performativas en Galicia” a cargo de Caterina Varela. O documento achegará o contexto, os precedentes, os criterios, a metodoloxía e as recomendacións neste ámbito. Ademais, pretende poñer o foco no papel que estas estruturas están a desenvolver na investigación e na creación artística contemporánea.
Da outra, busca xerar un espazo de diálogo entre proxectos independentes, artistas e institucións públicas; identificar necesidades, retos e oportunidades para o desenvolvemento de políticas culturais máis axustadas á realidade do sector; favorecer o intercambio de coñecemento e experiencias entre distintas iniciativas e contextos; e contribuír á construción dun marco máis sostible e articulado para o apoio á creación no territorio galego. Para iso, desenvolverase unha mesa con representantes dos casos analizados, iniciativas que exemplifican distintos modelos de relación entre creación contemporánea, territorio e comunidade. Participarán Nuria Sotelo de A Casa Vella, proxecto centrado na creación escénica en contornas rurais; Marta Alonso de Abanea, iniciativa que combina danza, mediación e pensamento contemporáneo; Carlota Pérez de Sacra Experience, proposta que conecta cultura, patrimonio e desenvolvemento local na Ribeira Sacra; e Félix Fernández de RPM / Residencias Paraíso, programa de apoio á creación que impulsa residencias artísticas en distintos puntos de Galicia. A mesa estará moderada por Caterina Varela.
Despois celebrarase unha conversa con responsables doutros casos singulares no país e artistas en residencia, que permitirá ampliar a mirada sobre experiencias diversas que tamén están a redefinir os vínculos entre arte, territorio e comunidade. Participarán Susana González (Centro de Arte FMJJ), espazo que integra programación expositiva, colección e residencias; Nava Castro (ArtisTea), proxecto que promove encontros entre creación artística, benestar e contexto rural; e Mateo Feijoo (A Casa do Pozo), iniciativa independente de acollida e acompañamento a procesos creativos, xunto coa poeta Luz Pichel, achegando a perspectiva da práctica artística en residencia. A sesión, moderada por Natalia Balseiro, afondará nos retos, nas aprendizaxes e nas potencialidades destes modelos singulares.
Xa pola tarde, Caterina Varela presentará as recomendacións extraídas do informe, orientadas a fortalecer o ecosistema de residencias e iniciativas culturais vinculadas ao territorio. A continuación abrirase un debate aberto co público, moderado por Natalia Balseiro, Susana González e a propia Caterina Varela, que permitirá contrastar as conclusións coas achegas das persoas asistentes.
Como peche a sesión, poñerase en escena o espectáculo “Cando lle permito ao corpo aquilo que digo”, de Alejandra Balboa. Un proxecto de investigación física realizado no marco das Residencias Paraíso 2023, que se propón espreitar e observar o corpo, nomeadamente a garganta, a mandíbula, a boca (lingua) e a respiración como orixes desde os que facer florecer o movemento. Xunto con Pavel Amilcar (violinista), a proposta explora o factor experiencial que reside no acto de moverse, no acto de estar e no acto de atravesar o espazo, permitindo que os desexos, as substancias veladas na carne, sexan as creadoras do discurso corporal, sonoro e espacial.
Colaboración entre ambas as dúas entidades
Esta actividade encádrase no marco do acordo de colaboración asinado entre o CCG e o Centro de Arte Fundación María José Jove en 2022 co obxectivo de facilitar a conexión entre persoas de diferentes disciplinas e ámbitos e fomentar a produción de coñecemento en relación a Galicia, á súa cultura, en xeral, e á arte contemporánea, en particular. En virtude dese convenio desenvolvéronse outras actividades como a xornada “Situarnos: o poder dos museos”. O encontro pon o foco no modelo concreto do Museo Nacional Centro de Reina Sofía (MNCARS), que explicará o seu director, Manuel Borja Villel.



