“Foi e é un feminismo que puxo sobre a mesa preocupacións propias dun tempo, como a sexualidade, o dereito a decidir sobre o noso corpo, o traballo digno ou o divorcio, e que foi profundamente antimilitarista. Ademais, sempre estivo a loitar para que determinadas demandas non se perdan”, sinalou Carme Adán. Esta colección especial, de carácter arquivístico e documental, forma parte do proxecto Memoria en movemento, iniciado polo CCG no ano 2005 co obxectivo de recuperar, conservar e poñer en valor a produción xerada por activistas e feminismos en movemento en Galicia. Na actualidade, a colección MFOG integra materiais relacionados con máis de 200 organizacións, que se irán incorporando progresivamente á rede. Este conxunto documental constitúe un espazo pioneiro no conxunto de España na visibilización, organización e acceso aberto aos materiais do movemento feminista, situándose na vangarda das políticas de preservación da memoria social. A súa posta en marcha cobra especial relevancia nun contexto recente no que, en 2026, o Ministerio de Cultura está a impulsar o Arquivo Histórico dos Movementos Sociais, que iniciou, o pasado 10 de marzo, coa creación do Arquivo das Mulleres, o que reforza o carácter precursor e referencial desta iniciativa galega.
A emerxencia dos feminismos organizados e as súas producións constitúen unha fonte fundamental para comprender as transformacións sociais e o papel das mulleres na historia galega e universal. En Galicia, numerosas organizacións desenvolveron ao longo das últimas décadas unha intensa actividade, xerando documentación diversa: estudos, correspondencia, revistas, boletíns, cadernos, libros, propostas lexislativas ou literatura gris. Moitos destes materiais atopábanse dispersos, en risco de desaparición ou en estado precario, o que fixo que o CCG, en 2005, considerase necesaria unha intervención para garantir a súa preservación. O proxecto Memoria en movemento ten como finalidade a reunificación parcial, conservación, valorización e difusión destes fondos, prestando especial atención aos colectivos que desenvolveron a súa actividade en Galicia desde a década dos sesenta do século XX, tanto de maneira independente como integrados noutras estruturas organizativas.
Primeira entrega
Nos 678 documentos subidos pode comprenderse unha parte fundamental da historia do movemento feminista en Galicia a través das súas propias producións, discursos e prácticas organizativas. Neles figuran entidades destacadas como a Asociación Galega da Muller, creada en 1976, da que se poñen en rede 74 documentos; esta entidade foi unha das primeiras organizacións feministas autónomas do país, xurdida no contexto da transición democrática e concebida como unha plataforma de grupos coordinados que evolucionaron de maneira diversa segundo as localidades. Desa mesma matriz forman parte a Asociación Galega da Muller de Ourense (10 documentos), a de Santiago de Compostela (136 documentos) —que foi a máis lonxeva no tempo— e a de Vigo (15 documentos), que permiten observar a implantación territorial do movemento e as diferenzas organizativas e de continuidade entre cidades. A comezos dos anos oitenta, parte deste tecido derivou nas Asembleas de Mulleres, representadas aquí pola Asemblea de Mulleres de Arousa (12 documentos) e a Asemblea de Mulleres de Pontevedra (23 documentos).
Xunto a estas experiencias, a documentación inclúe fondos da Coordinadora Feminista Galega (149 documentos) e da Coordinadora Feminista de Vigo (132 documentos), ambas creadas a finais de 1979, que evidencian a necesidade de superar rupturas previas e artellar espazos de coordinación e traballo conxunto entre colectivos feministas a nivel galego e local. Pola súa banda, os Grupos de Mulleres da Universidade (118 documentos), activos desde 1983 ata comezos dos anos 2000, amosan a asunción do feminismo no ámbito académico desde o alumnado e a súa continuidade no tempo, contribuíndo á produción de pensamento crítico sobre o sexo do saber. Complétase este conxunto co Colectivo de Mulleres Ensinantes do Rosa ao Violeta (9 documentos), creado en 1989 e centrado na introdución da perspectiva feminista no ensino e na práctica educativa, así como con Andaina (55 documentos), un proxecto colectivo definido arredor da revista homónima, fundada en 1983, que se converteu nun dos espazos máis relevantes de reflexión, debate e difusión do feminismo en Galicia e, co paso do tempo, nunha das publicacións feministas máis lonxevas do ámbito peninsular.



