NOTICIA

----

Programadores e creadores reflexionan sobre o potencial do cinema como ferramenta educativa

“Olladas para comprender” é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Asociación Cultural Olloboi e AO NORTE - Associação de Produção e Animação Audiovisual amosan este venres 17 de abril (a partir das 10:00 horas) experiencias singulares que empregan o cinema como ferramenta pedagóxica. Unha conversa entre os directores Jorge Coira, Jaione Camborda e Anxos Fazáns abre esta sesión coordinada por Beli Martínez, Ana Moreiras e José Manuel Sande. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta sesión que se pode seguir en directo desde o web institucional e a canle de YouTube.

A sesión propón un percorrido desde a memoria histórica do cine galego ata a vangarda tecnolóxica (intelixencia artificial), pasando pola cooperación transfronteiriza co norte de Portugal (no marco do cumprimento da Lei Paz-Andrade) e a análise de experiencias didácticas reais en festivais de cine con seccións educativas. Ao longo de todo o día diferentes relatores achegarán un mapa cultural actualizado, explorarán o potencial do cine como ferramenta pedagóxica transversal e transformadora, máis alá da educación artística; fortalecer os vínculos culturais e educativos no eixe Galicia-Norte de Portugal, e debater sobre os desafíos éticos da IA e capacitar as persoas asistentes no uso práctico de ferramentas de IA para a creación audiovisual.

A xornada
O programa estrutúrase en tres grandes bloques temáticos. O primeiro, centrado na identidade e na industria, aborda a memoria histórica e a estética do cinema en Galicia, así como a evolución dos discursos audiovisuais desde as xeracións pioneiras ata as novas narrativas. A mesa redonda “Diálogos interxeracionais no cine galego”, na que participarán Jorge Coira, Jaione Camborda e Anxos Fazáns, con moderación de José Manuel Sande. A continuación, desenvolverase un panel de experiencias centrado no cinema como ferramenta pedagóxica, con intervencións de Xan López Viñas da sala Numax, Joan Gonzàlez do proxecto Nextus; e Sofía Lemos Marques do Batalha Centro de Cinema. Esta mesa estará moderada por Ana Moreiras.

O segundo bloque, dedicado á didáctica e á cooperación, analiza o cinema como ponte cultural a través de experiencias como o Festival de Cinema de Viana e distintos proxectos transfronteirizos, ademais de poñer en valor o papel de festivais como Curtocircuíto e Novos Cinemas como axentes educativos. Nela participan Álvaro Dosil do Festival Curtocircuíto; Suso Novas do Festival Novos Cinemas; máis Filipe Guerra e Miguel Aireira do Encontros 26 Festival de Cinema de Viana coa moderación de Beli Martínez.

No terceiro bloque, orientado á tecnoloxía e ao futuro, José Manuel Sande e Ana Moreiras ofrecerán un relatorio sobre os escenarios de futuro da educación audiovisual. O programa pecha cun obradoiro práctico impartido por Rubén Ballesteros, centrado na relación entre intelixencia artificial, educación e cinema, que incluirá unha introdución teórica e a creación guiada dunha curtametraxe mediante ferramentas de IA.

Un camiño iniciado en 2025
A actividade retoma un fío iniciado en 2025 en que se abordaron diferentes dinámicas consolidadas de pedagoxía do cine nas aulas e en diferentes iniciativas que se están a facer entre Galicia e Portugal. Naquela sesión abordouse o Programa Cinema e escola do Concello da Coruña, o MICEscola. Cinema e etnografía nas aulas e o Encontro luso-galaico de cine escolar e “Vamos Fazer Um Filme” de Portugal.

A sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Esta xornada está organizada pola sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais que coordina Cristina Domínguez e integrada por Inmaculada Ricoy, Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro Rodríguez, Montserrat Capelán Fernández, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García.