A cabeceira Galicia xa figuraba no Repertorio con preto dun centenerar de exemplares dos primeiros anos (ata 1934), pero agora incorpóranse os números correspondentes ao período 1936–1938. En total, súbense 155 exemplares de grande interese para o estudo das últimas eleccións democráticas da II República española, proceso no que os galeguistas da colectividade do Río da Prata participaron activamente mediante o envío dunha delegación. Esta estivo formada polo poeta e xornalista galego Julio Sigüenza, dende Uruguai; Antón Alonso Ríos, en Bos Aires; Ramón Suárez Picallo e Pedro Campos Couceiro; e, máis tarde, tamén por Eduardo Blanco-Amor, como correspondente de prensa.
Alonso Ríos e Suárez Picallo tiveron un papel especialmente destacado nas diferentes reunións e actos públicos do nacionalismo galego destes anos. Todas as súas intervencións aparecen referenciadas no xornal Galicia, que tamén celebrou nas súas páxinas a elección de Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos como deputados. Así mesmo, o xornal apoiou o proceso a prol da Autonomía de Galicia e o seu triunfo nas urnas. A Federación expresou no seu voceiro o seu apoio á República e a súa condena firme do levantamento militar, así como do avance do fascismo en España e en Europa.
Galicia foi un xornal editado pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina en 1930, como continuación do voceiro El Despertar Gallego. Tratábase dunha publicación breve, que comezou con doce páxinas e foi reducíndose ata oito, cunha periodicidade irregular e redactada maioritariamente en castelán. Prestaba especial atención á situación española, con informacións e comentarios cos que, malia os cambios de orientación ideolóxica da Federación, manifestaba claramente o seu republicanismo e, tras a Guerra Civil española, a súa oposición á política franquista.
O xornal informaba tamén das actividades da Federación e das sociedades que a integraban (na sección “Crónicas de Sociedades federadas”), e incluía noticias de Galicia e da colectividade emigrante, nas que en ocasións criticaba determinadas asociacións polos seus postulados políticos. Ademais, incorporaba artigos literarios e culturais, que ocupaban xeralmente a última páxina, titulada “Artes y Letras”. Nela colaboraron figuras destacadas como Francisco Fernández del Riego, Ben-Cho-Shey, Eliseo Pulpeiro, Ramón Otero Pedrayo, Roberto Blanco Torres, Vicente Risco, entre outros.
Por problemas de carácter político, entre 1943 e 1944 o xornal viuse obrigado a cambiar a súa cabeceira, pasando a denominarse Boletín de las Sociedades Gallegas Federadas e Acción Gallega.
O “Repertorio da prensa da emigración galega”
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG. Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse 46 número novos de El El despertar Gallego, cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza e o xornal TEO.



