----

Especialistas poñen de manifesto a importancia da alfabetización audiovisual

Os cineastas Jorge Coira, Jaione Camborda e Anxos Fazáns, representantes de tres xeracións do audiovisual galego, protagonizaron unha das conversas centrais das “II Xornadas Cine e educación: olladas para compartir”, celebradas no Consello da Cultura Galega (CCG), na que puxeron o foco na formación, o acceso ao cinema e a necesidade de construír unha mirada crítica desde as aulas. Na inauguración da sesión, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou a importancia de “consolidar espazos de encontro que permitan afondar na relación entre cinema e educación máis alá dos marcos tradicionais”. Pola súa banda, José Manuel Sande, coorganizador da xornada xunto con Ana Moreiras e Beli Martínez, incidiu na necesidade de construír novas formas de aproximación ao audiovisual, afastadas dos modelos tradicionais de ensino e apostando pola creación de novos públicos e pola alfabetización audiovisual.

A As xornadas puxeron de relevo a importancia da educación en linguaxe audiovisual e a necesidade de formar unha mirada crítica. Neste contexto, a conversa entre Coira, Camborda e Fazáns serviu para reflexionar sobre os seus procesos formativos e os retos actuais do sector.

Jorge Coira lembrou a súa formación autodidacta nun momento no que non existían estudos regrados de cinema en Galicia: “fun aprendendo a base de ensaio e erro”, sinalou, destacando tamén que “experiencias como os cursos Cero en conducta foron unha salvación”. Pola súa banda, Jaione Camborda relatou a súa experiencia en centros internacionais (en Barcelona e en Munich) e o valor dos intercambios: “namorei da fotografía” e atopou nese percorrido diferentes maneiras de entender o cinema. Anxos Fazáns incidiu na necesidade de facer máis accesible a formación audiovisual e lembrou que “non todo o mundo se pode permitir ir estudar fóra”, aínda que subliñou que “é posible chegar a facer cinema por outras vías”.
Os tres coincidiron en sinalar a carencia histórica de formación específica en cinema en Galicia e na necesidade de impulsar unha aposta decidida neste ámbito, pese ás dificultades económicas, para evitar a fuga de talento.

No marco da conversa, a produtora e cineasta Anxos Fazáns sintetizou os elementos necesarios para consolidar un audiovisual propio: “fan falta catro elementos fundamentais: axudas públicas, unha televisión implicada, un festival potente e unha escola de cinema prestixiosa”. Unha reflexión compartida e ampliada polos outros participantes. Jorge Coira incidiu especialmente na importancia de contar cunha televisión pública forte —“foi un momento de revelación e felicidade”, lembrou sobre os inicios da TVG— como motor da industria, e lamentou que “ese impulso se quebrara”. Pola súa banda, Jaione Camborda reclamou o cumprimento do investimento do 6% no sector da cadea pública galega e advertiu que “hai unha débeda coa diversidade moi importante”, poñendo o acento na necesidade de reforzar o compromiso institucional.

Outro dos eixes centrais foi a educación da imaxe. Jaione Camborda e Jorge Coira reivindicaron a súa incorporación nas aulas como ferramenta fundamental. “É moi importante a educación da imaxe, tan importante como as matemáticas”, afirmou Camborda, quen insistiu en que “é importante que aprendan a lela” e que esta pedagogía debe contribuír a “ver como habitas o mundo e como o encadras”. Pola súa banda, Coira subliñou que “non se trata de coñecer a historia do cine, senón de ser capaces de ler a imaxe”, defendendo que este proceso debe ser “un acto extremadamente activo”.
Ambos alertaron tamén do contexto actual, marcado polo “bombardeo constante de imaxes”, en palabras de Coira, quen advertiu de que “toda imaxe ten unha idea detrás” e da necesidade de desenvolver unha mirada crítica para detectar sesgos. Camborda engadiu que esta formación é “unha das patas indispensables”, aínda que debe ir acompañada da “responsabilidade de exhibidores, distribuidores, cineastas e políticos”, co obxectivo de construír unha cidadanía máis consciente e menos vulnerable.

Experiencias de cinema e educación
Ao longo da xornada desenvolvéronse dous paneis de experiencias que permitiron coñecer diferentes modelos de mediación cultural e educación audiovisual nos que o cinema se entende tanto como ferramenta pedagóxica como espazo de formación de públicos. O primeiro panel centrouse en proxectos educativos vinculados á exhibición e ás plataformas de aprendizaxe, mentres que o segundo puxo o foco no papel dos festivais como axentes activos na construción dunha mirada crítica e na creación de comunidades arredor do cinema.

No ámbito do cinema como ferramenta pedagóxica, Xan Gómez Viñas presentou o traballo de Numax, onde a programación en sala se complementa con actividades didácticas, encontros con creadoras e creadores e propostas de mediación que buscan achegar o público ao proceso cinematográfico máis alá da proxección, favorecendo unha relación máis activa coa obra e coas linguaxes audiovisuais. Pola súa banda, Joan Gonzàlez expuxo a experiencia de Nextus, plataforma educativa desenvolvida en Cataluña que integra recursos didácticos, itinerarios formativos e materiais para o traballo co audiovisual en contextos educativos, facilitando a conexión entre cinema contemporáneo e aulas. Desde o Porto, Sofía Lemos Marques presentou o labor do Batalha Centro de Cinema, que conta cun servizo educativo específico orientado a escolas e públicos diversos, con sesións comentadas, obradoiros e programas de alfabetización audiovisual que fan do cinema un espazo de aprendizaxe continuada e de acceso á cultura cinematográfica.

No segundo panel, dedicado a festivais e educación, Álvaro Dosil explicou a experiencia de Curtocircuíto, que combina a exhibición de cinema contemporáneo con programas formativos, actividades para centros educativos e espazos de encontro entre creadoras, público novo e profesionais, reforzando a dimensión pedagóxica do festival. Suso Novás presentou o traballo de Novos Cinemas, un festival centrado no cinema de autor e nas novas narrativas, que aposta por unha relación próxima co público a través de encontros, obradoiros e iniciativas que favorecen a comprensión do proceso creativo e a formación dunha mirada crítica. Finalmente, Filipe Guerra e Miguel Arieira deron a coñecer os Encontros 26 Festival de Cinema de Viana, un proxecto que combina programación cinematográfica, actividades educativas e accións de mediación cultural, consolidándose como un espazo de diálogo entre o cinema contemporáneo e a formación de públicos na rexión do norte de Portugal.

Pola tarde a sesión abordou os escenarios de futuro da edición audiovisual e nomeadamente do papel da Intelixencia Artificial neste panorama da man de José Manuel Sande e Ana Moreiras. Após a súa intervención, Rubén Ballesteros impartiu un obradoiro práctico que implicou a creación guiada dunha curtametraxe mediante ferramentas de IA.