----

A Coruña acolle o segundo escoitadoiro sobre migracións e dereitos culturais

O Kiosko Alfonso da Coruña será escenario do segundo dos encontros participativos centrados nas migracións e nos dereitos culturais, organizado pola Comisión Técnica da Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) no marco do programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz”. Este escoitadoiro forma parte dun ciclo de catro encontros provinciais máis unha xornada final que buscan afondar, desde a escoita activa e o diálogo horizontal, na realidade cultural das comunidades migrantes en Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; Uxío Novo, director da Área de Cultura do Concello da Coruña máis a concelleira de Benestar social, Nereida María Canosa Domínguez, inaugurarán esta sesión pechada ao público.

A xornada comezará cunha visita guiada á exposición “Emigrantas. Emerxer do silencio”, unha proposta que visibiliza as experiencias das mulleres migrantes e que serve como punto de partida para a reflexión colectiva. A continuación terá lugar a presentación do encontro e das dinámicas de traballo, coordinadas polo mediador e documentalista Leonardo Ezequiel Casado, quen guiará un proceso baseado na participación e na construción colectiva de coñecemento.

Entre as primeiras actividades destaca unha cartografía colaborativa na que as persoas participantes situarán proxectos, iniciativas e traxectorias sobre un mapa da provincia da Coruña, favorecendo o recoñecemento mutuo e a creación de redes. Posteriormente desenvolverase unha dinámica de diagnose e reflexión compartida arredor da realidade cultural coruñesa, abordando cuestións como o acceso á cultura, a produción, a distribución ou a comunicación desde unha perspectiva de interculturalidade e diversidade migratoria.

A sesión continuará cun espazo para a definición de propostas concretas de acción, co obxectivo de orientar políticas e prácticas culturais baseadas nos dereitos culturais, a igualdade e a convivencia. O encontro rematará cunha despedida colectiva tras unha pausa para o intercambio informal.

O escoitadoiro contará coa participación dunha ampla diversidade de profesionais e axentes culturais, sociais e institucionais. Entre elas, Masha Asieieva, mediadora intercultural na ONG Ecos do Sur, entidade referente no acompañamento a persoas migrantes; Victoria García, impulsora de Libriana, un proxecto editorial artesanal e feminista; e Yosehana Ledesma, técnica de ACCEM, organización de ámbito estatal dedicada á protección internacional, quen tamén promove o proxecto gastronómico comunitario “Sabe a barrio”.

Tamén participan voces destacadas do ámbito do xornalismo e o activismo, como Zinthia Álvarez Palomino, creadora do proxecto “Mujeres negras que cambiaron el mundo”, que visibiliza referentes afrodescendentes; e Sofía Caamaño Deus, xornalista e xestora cultural. No eido da intervención social e comunitaria destacan Marta Casal, de Arquitectura sen Fronteiras, entidade que traballa polo dereito ao hábitat, e Javier Villaverde, educador social con ampla experiencia en ONG.

A Universidade da Coruña estará representada por Laura Cruz, investigadora no ámbito da educación para a cidadanía global, así como por alumnado do Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, como Alba Marina Morelo Castillo e Lorena Carla Rodríguez, vinculadas a proxectos de coidados comunitarios no barrio de Agra do Orzán.

O encontro incorpora tamén profesionais da xestión cultural e museística, como Ana Vasco del Castillo, do Museo de Belas Artes da Coruña, implicada en iniciativas de inclusión social a través das artes, e Eli Monteagudo, especialista en accesibilidade cultural. No ámbito artístico destaca Mariana Rodrigo, actriz e escritora vinculada ao proxecto Mulleres á Fronte, que pon en valor a creación das mulleres migrantes.

A participación institucional inclúe representantes das administracións públicas como Uxío Novo, director da Área de Cultura do Concello da Coruña; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; e María Dolores Dubra, concelleira de Cultura e Xuventude do Concello de Arteixo, xunto con persoal técnico como Elisabeth Bello Souto e Noura El Amrani Sbai, vinculadas aos servizos culturais e sociais deste municipio.


Completan o grupo participantes de entidades como Enxeñería sen Fronteiras, representada por Martina Páramos e Erie Pérez, organización que promove a tecnoloxía para o ben común, así como profesionais do ámbito educativo como Iolanda Sánchez Méndez, responsable da biblioteca do IES Agra do Orzán. Tamén participa Antía Pérez Caramés, profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña e membro do proxecto Mulleres á Fronte, cunha destacada traxectoria no estudo das migracións e da memoria

O proxecto
O programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz” nace como un espazo de escoita activa, diálogo horizontal e aprendizaxe mutua, co obxectivo d e situar os dereitos culturais no centro das políticas públicas e da convivencia intercultural. Coordinado por Paula Cabaleiro, Ruth Sousa e Encarna Lago, concrétase en catro sesións (escoitadoiros) nas catro provincias galegas, así como nunha sesión de posta en común que pretende incorporar voces diversas desde unha perspectiva interseccional, promovendo a participación real das comunidades migrantes e racializadas e contribuíndo á construción dunha cultura de paz baseada na xustiza social e na igualdade.

O proceso busca identificar barreiras, visibilizar boas prácticas e xerar coñecemento aplicado arredor do exercicio dos dereitos culturais en Galicia. A creación deste programa é a continuidade dunha liña de traballo que permitiu a realización do informe Acceso á cultura en Galicia, presentado o pasado mes de febreiro.

A primeira sesión dos escoitadoiros tivo lugar en Friol, e alí se analizaron unha vintena de proxectos que se desenvolven na provincia de Lugo.