Os acordos debatéronse no marco do II Encontro Xardíns Históricos de Galicia e norte de Portugal, celebrado ao longo deste martes na sede do Consello da Cultura Galega. Na reunión participaron, pola banda portuguesa, Fernando Guedes, presidente da Associação Portuguesa dos Jardins Históricos, xunto con Ana Guedes, ambos os dous propietarios da Casa de Juste; Manuel Sousa, vicepresidente da asociación; Francisco de Calheiros, presidente de Solares de Portugal; e Ricardo Bravo, arquitecto paisaxista e responsable dos xardíns da Fundação Serralves. Pola parte galega asistiron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Teresa Nieto; Rebeca Blanco-Rotea, integrante da mesma sección; Ricardo Varela, coordinador do encontro monográfico “Xardíns históricos: a protección dun patrimonio cultural”, celebrado no CCG en 2024; Felipe Bárcena, propietario do Pazo de Pena do Ouro; Roberto Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia; e José María Castiñeiras Sobrido, da Axencia Turismo de Galicia.
Esta colaboración nace coa vontade de consolidar un espazo de cooperación transfronteiriza arredor dos xardíns históricos entendidos como patrimonio cultural e paisaxístico compartido. As bases sentáronse no primeiro encontro celebrado en Braga (en maio de 2025), onde se identificaron desafíos comúns como a transmisión da propiedade —moitas veces en mans privadas—, a escaseza de recursos para a conservación e a necesidade de adaptación ás alteracións climáticas. Naquela cita tamén se puxo de manifesto a importancia de promover o coñecemento, a protección e o desfrute destes espazos, así como a necesidade de conectar propietarios, institucións públicas, persoal investigador e sociedade civil para avanzar cara a modelos viables e sostibles de xestión.
Na reunión de hoxe acordouse tamén a colaboración portuguesa na elaboración dun inventario de xardíns históricos que incluirá tanto os propios espazos como os elementos patrimoniais asociados. Ademais, impulsarase a creación dun Premio de Investigación sobre os “Xardíns Históricos de Galicia e norte de Portugal” co obxectivo de fomentar o estudo e a difusión deste patrimonio cultural.
O encontro rematou cunha visita a dous espazos emblemáticos como son o Pazo de San Lourenzo e o Pazo do Faramello, esta última conducida polo seu propietario, Gonzalo Rivero de Aguilar.




