NOTICIA

----

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora novos números de Vida Gallega, editada na Habana

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, unha selección de exemplares da revista Vida Gallega, publicación editada na Habana entre 1938 e 1954 pola Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia de Cuba.

Os exemplares que se soben nesta entrega correspóndense cos períodos 1938-1945 e 1947-1949, contribuíndo á difusión do patrimonio hemerográfico da emigración galega en América e á preservación da memoria colectiva das comunidades galegas da diáspora.

Vida Gallega foi unha publicación mensual de carácter societario que recollía a actividade institucional da entidade editora, ademais de artigos sobre historia, literatura e cultura galegas. A revista, redactada maioritariamente en castelán —aínda que incluía ocasionalmente poesía en galego—, contou coa colaboración de destacadas figuras da cultura galega, entre elas Ramón María del Valle-Inclán, Francisco Marcos Raña ou Josefina Camaño e nela reproducíanse textos de Rosalía de Castro.

Contén abundante material gráfico, fotografías de sociedade, información institucional, publicidade comercial e referencias á vida social e cultural da colectividade galega na Habana. Entre os fondos conservados no CCG atópanse exemplares publicados entre 1938 e 1945, incluídos números extraordinarios e edicións especiais. A revista mantivo diferentes formatos ao longo da súa traxectoria editorial e chegou a superar as setenta páxinas nas edicións que incorporaban memorias anuais da sociedade.

Ademais do interese institucional e societario da publicación, os números de Vida Gallega permiten acceder a documentos de grande valor histórico sobre a actividade da emigración galega en Cuba e o seu compromiso co desenvolvemento educativo e social de Galicia.

Entre os textos que se poderán consultar no marco deste proxecto destaca o informe da Fundación Escuela Agrícola Pedro Murias correspondente ao ano 1938, no que a Xunta de Patronos daba conta da súa actuación e da situación da escola da Devesa, en Ribadeo, en plena Guerra Civil española. O documento relata os esforzos realizados para manter o funcionamento da institución educativa “pese a las dificultades” derivadas da “lucha intestina que sufre aquel país”, así como a conservación das propiedades da fundación e a evolución positiva do seu capital económico.

O informe constitúe un valioso testemuño da implicación da colectividade galega da Habana co ensino agrario, coa formación da mocidade e co mantemento das obras benéficas impulsadas desde a emigración.

O “Repertorio da prensa da emigración galega”

En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega.

Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.

Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse 46 números novos de El despertar Gallego, cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza e o xornal TEO; ou 155 números da publicación semanal Galicia, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina.