NOTICIA

----

O CDIF incorpora 800 novos documentos ao fondo do Movemento Feminista Organizado Galego

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de de incorporar novos materiais ao fondo Movemento gFeminista Organizado en Galicia (MFOG). A iniciativa pioneira que arrincou no mes de abril, ofrece unha segunda entrega documental composta por máis de 800 novos rexistros procedentes de dez organizacións e colectivos que desempeñaron un papel fundamental na historia recente dos feminismos en Galicia. Esta nova achega permite ampliar o coñecemento sobre as loitas, debates, campañas e formas de organización desenvolvidas por diferentes xeracións de mulleres desde a década de 1970 ata os primeiros anos do século XXI.

A documentación incorporada reflicte a pluralidade ideolóxica, territorial e organizativa dos feminismos en movemento en Galicia, así como a diversidade de ámbitos nos que actuaron estas entidades: a reivindicación dos dereitos sexuais e reprodutivos, a denuncia da violencia machista, a coeducación, a participación política das mulleres, a produción cultural feminista ou a intervención social e comunitaria.

Entre os fondos máis destacados atópanse os 423 documentos das Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG), colectivo creado inicialmente no seo do nacionalismo galego e constituído como organización feminista independente en 1986. O fondo permite seguir a evolución desta organización nacionalista ao longo de catro décadas e inclúe materiais relacionados con campañas políticas, reflexión teórica, mobilizacións sociais, encontros feministas e iniciativas de solidariedade internacional. A organización, na que militou a escritora e xornalista Begoña Caamaño, continúa activa na actualidade.

Tamén sobresae a incorporación de 161 documentos da Coordinadora Feminista Donicela, organización nacida en Vigo en 1992 da unión entre a Coordinadora Feminista de Vigo e o Colectivo de Mulleres Feministas Donicela. Os seus materiais documentan o intenso traballo desenvolvido na cidade durante os anos noventa e primeiros dous mil, especialmente arredor das mobilizacións do 8 de marzo, as campañas contra a violencia machista e a participación galega na Marcha Mundial das Mulleres, movemento internacional que marcou unha nova etapa para o feminismo galego.
O fondo de Alecrín, composto por 94 documentos producidos entre 1985 e 2009, permite achegarse á actividade dun dos principais centros feministas de Vigo. Creado por iniciativa de 35 mulleres, Alecrín chegou a se converter nun referente na promoción da participación social e cultural das mulleres, na defensa da igualdade efectiva, na educación afectivo-sexual da mocidade, na atención a mulleres con problemáticas específicas e na loita contra a violencia machista. A documentación conservada mostra tanto a súa dimensión asociativa como o seu papel como centro de documentación e difusión de información feminista.

A entrega inclúe tamén 42 documentos do Colectivo de Mulleres María Castaña, grupo constituído en Santiago de Compostela en 1992 por profesoras de ensino secundario, principalmente historiadoras, comprometidas coa transformación da educación desde unha perspectivas feministas. Os seus materiais permiten coñecer o labor pioneiro desenvolvido para introducir visións non androcéntricas nas aulas e para elaborar recursos didácticos innovadores, un traballo que foi recoñecido en 1995 cun premio do Ministerio de Educación.

Outra das incorporacións relevantes é a da Asamblea de Mulleres da Coruña, representada por 17 documentos que testemuñan a intensa actividade desenvolvida na cidade durante as décadas de 1980 e 1990. Entre os materiais figuran referencias ás mobilizacións do 8 de marzo, ás campañas polo dereito ao aborto —incluíndo accións de autoinculpación colectiva—, ás protestas contra a violencia sexista, así como a actividades de formación, cinefórums e cursos de autodefensa. O fondo tamén permite rastrexar a súa participación en proxectos editoriais como Andaina. Revista do movemento feminista-Galicia.

A documentación procedente das distintas correntes do feminismo independente ocupa igualmente un lugar destacado. Os fondos de Feministas Independentes de Galicia (FIGA) e Feministas Independentes Galegas, con 4 e 9 documentos respectivamente, permiten reconstruír as traxectorias organizativas xurdidas tras a escisión da Asociación Galega da Muller en 1978 e comprender a diversidade de posicionamentos políticos e culturais presentes no feminismo galego da época. Especial interese teñen os materiais vinculados á revista Festa da Palabra Silenciada, unha das iniciativas culturais feministas máis influentes do país.
A esta panorámica engádense os documentos das delegacións locais da Asociación Galega da Muller en Ferrol e Pontevedra, organizacións herdeiras do feminismo da transición que contribuíron á extensión territorial do movemento feminista galego desde mediados da década de 1970.

A entrega complétase con 41 documentos de Mulheres Transgredindo, colectivo nacido arredor da Casa Encantada de Compostela en 2003. O fondo recolle accións caracterizadas pola ocupación creativa do espazo público, a utilización de linguaxes artísticas e performativas e o uso pioneiro das ferramentas audiovisuais e de internet como instrumentos de activismo feminista.

Finalmente, incorpóranse 18 documentos do Colectivo de Mulleres Feministas Donicela, antecedente directo da Coordinadora Feminista Donicela e unha das expresións máis significativas do feminismo vigués da segunda metade da década de 1980.

Como xa acontecera na primeira entrega, a riqueza do fondo non reside unicamente na cantidade de documentos conservados, senón tamén na súa extraordinaria diversidade. Entre os rexistros incorporados atópanse carteis, pancartas, folletos informativos, voandeiras, adhesivos, colantes, tarxetas, trípticos, dípticos, materiais de campañas, documentación interna, publicacións e outros obxectos vinculados á actividade cotiá das organizacións. Conxuntamente, estes materiais permiten reconstruír formas de mobilización, estratexias comunicativas, debates políticos, prácticas culturais e experiencias colectivas que contribuíron decisivamente á transformación social de Galicia nas últimas décadas. Unha escolma destes materiais pódese ver na exposición "Eu tamén navegar. As ondas do feminismo galego" que se pode ver ata o 9 de xullo no Claustro Alto do Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela.

Con este novos materiais, suman 1600 recursos dun patrimonio documental fundamental para comprender a historia contemporánea de Galicia, a evolución dos dereitos das mulleres e a pluralidade das tradicións feministas que configuraron o movemento galego desde a transición democrática ata a actualidade.