NOTICIA

----

Galicia destaca en lectura segundo un informe do Observatorio da Cultura Galega

“A lectura é a práctica cultural máis sólida da sociedade galega e a que presenta unha evolución máis favorable”, afirma o informe Hábitos e prácticas culturais en Galicia. Tendencias e determinantes da participación cultural, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Os datos revelan que na última década medrou 6,4 puntos a porcentaxe de persoas que leron un libro e que se reduciu á metade a porcentaxe de persoas que non len nunca. O informe constata tamén unha transformación dos hábitos culturais en Galicia, cada vez máis dixitais e vinculados ao fogar. O informe xa se pode descargar desde o web do CCG.

O 64% da poboación leu algún libro durante o último ano, fronte ao 57,6% rexistrado dez anos atrás, segundo este informe que fai unha análise da Enquisa Estrutural a fogares do IGE (2025) e da Encuesta de Hábitos y prácticas culturales en España (2024-2025). Paralelamente, a porcentaxe de persoas que non len nunca ou case nunca reduciuse á metade, ao pasar do 29,2% ao 13,8%. Galicia destaca especialmente na lectura de prensa. O 70,4% da cidadanía le prensa diaria de información xeral polo menos unha vez ao mes, máis de dez puntos por riba da media estatal (59,7%). O informe identifica a lectura como o ámbito máis resistente aos cambios recentes e un dos principais activos culturais. “Ler na infancia e medrar nun fogar con prácticas culturais incrementa a probabilidade de manter eses hábitos na idade adulta” asegura o informe. Entre as persoas que leron no último ano en Galicia, un 63,6% tiñan proxenitores que tamén lían por ocio. “A implicación cultural das familias con fillos e fillas tamén presenta aquí a súa expresión máis forte, e a lectura aparece como a práctica que mellor se transmite” conclúe.

Cambio no consumo cultural: en pantalla e na casa
O informe tamén constata que a recuperación da presencialidade trala pandemia convive cun cambio estrutural dos hábitos culturais que avanza imparable cara a dixitalización e cara ao ámbito doméstico. Dous de cada tres fogares galegos xa están subscritos a plataformas culturais e o acceso a internet no fogar alcanzou o 81,7% e o uso de teléfonos móbiles con conexión á rede medrou desde o 26% dos fogares en 2010 ata o 88,4% actual. O almacenamento de contidos na nube alcanza xa o 41,8%, unha cifra superior á media española. As plataformas dixitais consolidáronse como unha das principais portas de entrada á cultura: o 57,5% dos fogares galegos está subscrito a servizos de películas e series e o 36,3% a plataformas musicais.

A transformación tamén é evidente no consumo de música. O uso do teléfono móbil como dispositivo para escoitala incrementouse desde o 53,7% da poboación en 2014/15 ata o 81% actual. No ámbito informativo, a lectura de prensa mantense forte, aínda que cun desprazamento acelerado desde o papel cara aos soportes dixitais.

Segundo conclúe o estudo, Galicia presenta hoxe un sistema cultural no que os consumos cotiáns e domésticos gañan peso fronte ás formas tradicionais de participación presencial, configurando un novo ecosistema cultural marcado pola dixitalización.


Consumo presencial por debaixo da media
Os datos amosan unha clara recuperación da participación cultural tras o impacto da COVID-19. Porén, Galicia continúa rexistrando niveis inferiores aos do conxunto do Estado na maior parte das actividades presenciais. A asistencia ao cine pasou do 23,6% da poboación en 2021/22 ao 40,2% en 2024/25, unha mellora significativa que, con todo, aínda non permite recuperar os niveis previos á pandemia nin alcanzar a media estatal actual, situada no 48,5%. A mesma tendencia obsérvase nas visitas a museos, que chegan ao 33,4% da poboación galega, máis de sete puntos por debaixo do rexistro estatal (40,6%). No teatro, a distancia é tamén notable: o 18,3% da cidadanía galega asistiu a algunha representación durante o último ano, fronte ao 24,7% do conxunto de España.

O informe sinala ademais que a participación cultural segue fortemente condicionada por factores sociais e territoriais. A idade, o nivel educativo, os ingresos e o lugar de residencia continúan marcando diferenzas importantes no acceso á cultura. Así, case a metade da poboación urbana (47,8%) visita museos, exposicións ou arquivos, mentres que esa porcentaxe cae ata o 21,5% nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Con respecto á idade, asevera o informe, “é probablemente a variable máis decisiva: as persoas máis novas concentran a asistencia a espectáculos, o uso de internet, os videoxogos e boa parte dos consumos audiovisuais, mentres que nas idades máis avanzadas gañan peso a televisión, a radio, a prensa e outras prácticas máis domésticas”. O nivel de formación tamén condiciona as prácticas culturais “a maior nivel formativo aumenta tamén a lectura, a asistencia ao cine e aos museos e a presenza das actividades artísticas” un patrón que tamén reforza os ingresos do fogar.