A xornada insírese nunha liña de traballo da institución que busca reflexionar, da man de profesionais e especialistas, sobre as transformación sociais da sociedade actual por mor do cambio climático. Os seus impactos afectan xa aos ecosistemas, aos sistemas produtivos, á dispoñibilidade de recursos naturais e á vida das persoas, facendo necesario impulsar novas solucións que favorezan a adaptación dos territorios e a transición cara a modelos máis sostibles. No encontro abordaranse cuestións relacionadas coa transferencia de coñecemento, a sustentabilidade, a transición enerxética, as comunidades enerxéticas e as políticas de adaptación climática, a través de experiencias impulsadas desde centros de investigación, universidades e entidades tecnolóxicas de referencia.
A primeira intervención correrá a cargo de Silvia Ferrer Castillón, técnica de innovación e transferencia tecnolóxica no Instituto Tecnológico de Aragón (ITA). Esta entidade é un dos principais centros tecnolóxicos de España no ámbito da investigación aplicada e da colaboración co tecido empresarial para impulsar a competitividade e a sustentabilidade. Entre as súas liñas de traballo destacan a economía circular, a eficiencia enerxética, a descarbonización industrial, a dixitalización e a contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible mediante a transferencia de tecnoloxía e coñecemento. A relatora analizará como a ciencia, a tecnoloxía e a innovación poden actuar como ferramentas estratéxicas para avanzar na consecución da Axenda 2030.
De seguido, José Villar Collado, investigador sénior do Institute for Systems and Computer Engineering, Technology and Science (INESC TEC) - un dos centros de investigación máis prestixiosos de Portugal no ámbito da enxeñaría, os sistemas enerxéticos, a transformación dixital e as cidades sostibles- falará dos modelos de gobernanza enerxética, da participación cidadá e do desenvolvemento de comunidades enerxéticas locais. A súa intervención permitirá coñecer experiencias desenvolvidas en Portugal que están a contribuír á democratización da produción e do consumo de enerxía renovable, ofrecendo aprendizaxes transferibles ao contexto galego.
A perspectiva galega estará representada por Ángel Sanabria Garrido, investigador do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM). Este centro desenvolve proxectos de I+D orientados á sustentabilidade ambiental, a valorización de recursos, a economía circular, o tratamento de augas e residuos, a bioeconomía e as tecnoloxías limpas para a industria. O relatorio afondará nas estratexias innovadoras impulsadas desde Galicia para facer fronte ao cambio climático, poñendo o foco no papel da investigación aplicada como motor de transformación ambiental e económica. Canda el, Julio Costas e Xavier M. Cobas, investigadores da Universidade de Vigo - que mantén unha intensa actividade científica en ámbitos vinculados á transición enerxética, as enerxías renovables, a sustentabilidade e a innovación social- abordarán os retos e oportunidades dunha transición enerxética comunitaria baseada na participación cidadá e na implicación dos territorios, unha cuestión cada vez máis relevante para garantir modelos enerxéticos máis xustos, descentralizados e sostibles.
A programación concluirá cunha mesa redonda moderada por Susana Bayo na que os participantes compartirán reflexións sobre os desafíos e oportunidades que presenta a innovación nun contexto de cambio climático acelerado. O debate permitirá contrastar experiencias e identificar posibles vías de colaboración entre institucións, centros de investigación, administracións e sociedade civil para avanzar cara a unha transición ecolóxica efectiva.
Actividade da sección
A xornada está promovida pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade formada por Susana Bayo Besteiro, Ánxela Bugallo Rodríguez, Eduardo Corbelle Rico, Alicia Estévez Toranzo, Alejandro Gorgal Romaris, Federico Martinón, Javier Méndez Zunzunegui, Blanca Puig, Xacobo de Toro Cacharrón, Xosé María Varela e Manuel Vicente García. Entre as actividades recentes destaca unha xornada sobre o impacto na saúde do cambio climático, unha xornada sobre a homoxeneización do espazo forestal, outras sobre os alimentos “responsables”, é dicir, os que deben formar parte dunha cesta da compra sustentable; así como a elaboración de materiais e recursos didácticos e informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico.


