NOTICIA

----

A VII edición de “Pensar con Orgullo” reflexiona sobre a diversidade sexual no ámbito cultural

A sétima edición de “Pensar con Orgullo”, que organiza o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), pon o foco na diversidade sexual no ámbito da cultura. Baixo o titulo “Crear, programar e mediar dende a diversidade sexual” profesionais da creación, da comunicación, da mediación cultural e da xestión pública para abordar os retos da inclusión da perspectiva LGBT+ no ámbito cultural galego. Ademais, presentarse un avance da Guía de boas prácticas para a programación de actividades culturais con perspectiva LGBT+ que prepara a institución. A sesión, coordinada por Carme Adán, é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e a canle de YouTube do CCG.

A xornada enmárcase nos traballos desenvolvidos pola Comisión técnica temporal de identidade e disidencias sexuais do CCG e supón un paso máis no proceso de elaboración da futura Guía de boas prácticas para a programación de actividades culturais con perspectiva LGBT+, unha iniciativa que responde á principal recomendación formulada polo Foro Identidades e Disidencias Sexuais para incrementar a representación e visibilidade da diversidade sexual na cultura.

Os estudos e espazos de debate promovidos polo Foro puxeron de manifesto a necesidade de incorporar esta perspectiva de maneira transversal nas políticas culturais. Entre as conclusións sinalábase a escasa presenza de producións e personaxes que representen a diversidade sexual, así como a falta de conciencia institucional sobre a importancia de integrar esta realidade nos distintos ámbitos da cultura.

Programa da xornada
A sesión abrirase coa presentación dun avance do informe previo á elaboración da guía, a cargo de Carme Adán e Daniela Ferrández, membros da Comisión técnica temporal de identidade e disidencias sexuais do CCG. A continuación, Carlos Callón ofrecerá a conferencia “O que está á vista e non se ve: continuidade LGBT+ na cultura galega”, na que afondará na presenza histórica e contemporánea das disidencias sexuais na cultura do país.
Durante a mañá, a mesa redonda “Falan as creadoras” reunirá a tres referentes de diferentes disciplinas artísticas: a artista multimedia Lucía Aldao, a poeta Nuria Vil e a deseñadora sonora e DJ Marta Gilino (Russ). As participantes compartirán experiencias e reflexións sobre a creación cultural desde perspectivas diversas.
Xa na sesión da tarde, a atención centrarase no papel da mediación e da comunicación cultural. A mesa “A mediación cultural e a perspectiva LGBT+” contará coa participación de Clara Rodríguez Cordeiro, directora de proxectos de 7H Cooperativa; Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña; e Alberto de Boiro, técnico de Cultura do Concello de Boiro.

A última mesa de debate, titulada “Comunicación cultural e diversidade sexual”, reunirá a Gemma Pérez, directora de arte do colectivo artístico A Muller de 6 Ollos; Uxía Caride, xerente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e o dramaturgo e docente Roberto Pascual, para analizar os desafíos e oportunidades da representación da diversidade sexual nos procesos de comunicación e difusión cultural. A xornada pecha co espectáculo Congreso quinquenal da asociación de Caciques da Galiza a cargo de Chutenmeme.

“Pensar con orgullo”
“Pensar con Orgullo” é un programa de reflexión, diálogo e pensamento crítico arredor da diversidade afectivo-sexual, de xénero e das disidencias sexuais que se vén desenvolvendo desde 2019. Ao longo das súas sete edicións, o ciclo abordou cuestións como as identidades e os corpos en rebeldía, o dereito a existir, os impactos da pandemia na diversidade afectivo-sexual, as culturas e perspectivas queer ou as violencias LGBTIfóbicas, incorporando tamén actividades específicas de creación, mediación e encontro con artistas, investigadoras e activistas. A proposta promove cada ano novas ferramentas para comprender a diversidade sexual e de xénero, analizar as relacións de poder que a atravesan e imaxinar formas de resistencia, coidado e transformación social.