Os datos do Barómetro mostran un sector dinámico. O 49,4% das entidades incrementou a súa produción ou carga de traballo durante 2025, fronte a só un 10,3% que experimentou unha redución. A valoración deste indicador sitúase en 3,52 puntos sobre 5, un dos mellores rexistros da serie. Tamén medran os públicos e usuarios. O 41,7% das entidades culturais declara ter aumentado a súa audiencia nos últimos doce meses, mentres que o 46,1% mantivo niveis estables. Sectores como os museos, as bibliotecas, os medios audiovisuais, os arquivos e as asociacións culturais destacan especialmente polo incremento da participación cidadá e unha valoración máis positiva da súa evolución recente. No caso dos museos, por exemplo, o 63,3% afirma que mellorou a súa situación durante 2025 e o 66% incrementou os seus públicos.
O informe sinala que os resultados "describen un sector máis activo e cunha recuperación ou expansión moderada dos públicos". Ademais, o 39,6% das entidades aumentou os seus ingresos ou orzamentos durante 2025, case o dobre das que rexistraron descensos (20,5%). A recuperación é especialmente visible se se compara coa edición anterior do Barómetro. Nesa liña, o 80,2% das entidades considera que a continuidade da súa actividade está bastante ou moi garantida nos próximos dous ou tres anos.
A maioría das entidades perciben unha evolución favorable da súa situación e encaran o futuro con optimismo prudente. Case a metade das entidades culturais galegas (47,9%) afirma que a súa situación mellorou ou mellorou moito durante 2025, fronte a só un 12,1% que considera que empeorou. A valoración media da evolución das entidades alcanza os 3,39 puntos sobre 5, recuperando o nivel máis alto da serie histórica recente. Ademais, as expectativas para 2026 continúan sendo positivas: o 44,3% das entidades prevé mellorar a súa situación, mentres que outro 44,3% considera que manterá a estabilidade acadada.
Con todo, o informe destaca que a cultura galega non funciona como un bloque homoxéneo, no que conviven entidades de moi diferente tipo (administracións, entidades sen ánimo de lucro, equipamentos culturais, proxectos de produción…) que condiciona a súa evolución económica. Aínda que ningún sector se sitúa por debaixo da estabilidade, a mellora non chega coa mesma intensidade a todos os ámbitos. Artes visuais, edición de libros, librarías e arquivos teñen unha valoración máis moderada. Por outra parte, o informe tamén pon sobre a mesa outra realidade que é a suba dos custos e a contención dos prezos finais, de tal xeito que se producen “marxes estreitas e cunha capacidade limitada para acumular recursos, investir ou reforzar estruturas”. No eido laboral, o informe conclúe que o reto laboral pasa por unha “combinación de custos laborais, dificultade para atopar perfís profesionais e capacidade real das entidades para incorporarse, reter e remunerar adecuadamente o persoal que precisan”.
O galego é un activo
Un dos datos máis destacados desta edición do Barómetro é a fortaleza do galego como lingua de creación, produción e difusión cultural. O 90,1% das entidades culturais galegas declara desenvolver algunha parte da súa actividade ou volume de negocio en galego. Ademais, o 55,7% afirma que o galego está presente en máis da metade da súa actividade e o 46,7% supera o 75%. Especialmente significativo é que o 31,6% das entidades desenvolve o 100% da súa actividade cultural en galego.
O informe salienta que "o galego ten unha presenza transversal" no conxunto do sector e sinala que esta presenza é particularmente intensa nos ámbitos públicos, asociativos, educativos, patrimoniais e de mediación cultural. Ademais, a media de actividade en galego alcanza o 63,1%, un dato que confirma o papel central da lingua propia como elemento vertebrador da cultura galega contemporánea.
O papel das administracións: políticas culturais
No estudo recóllense as diferentes fórmulas que a administración emprega en relación co sector (incentivos fiscais, simplificación administrativa, regulación, axudas….) e conclúe que “o apoio público segue sendo estrutural pero debe deseñarse con instrumentos diferenciados e adaptados á realidade do tecido cultural”. Tamén indica que, “por primeira vez na serie, máis das metade das entidades – o 51,2%- declara que non solicitou ningunha axuda pública” e que descende a porcentaxe de entidades que solicitan e obteñen subvencións – do 47,9% ao 44,2%-. Ademais, a maior parte das entidades beneficiarias recibiron axudas inferiores aos 10 000 euros e só o 20% recibe máis de 50 000 euros.
A valoración do apoio prestado polas administracións públicas ao sector cultural presenta diferenzas: o nivel estatal obtén a puntuación media máis baixa -3,35-, sitúase de seguido a administración autonómica -4,63-, mentres que o nivel local, formado por concellos e deputacións, recibe a valoración media máis elevada -4,80-.



