Manuel Bragado subliña na entrada que foi un autor prolífico que «publicou 35 libros de literatura infantil e xuvenil en galego, traducidos na súa maior parte ao castelán e, en menor medida, ao catalán, éuscaro, portugués, asturiano e inglés». Neles destaca unha forte presenza do conto oral, da ilustración, da lectura e da reivindicación do valor dos clásicos. Son libros protagonizados por «nenos e nenas valentes, decididos e autónomos, con escasa presenza e participación das persoas adultas e que, cando a teñen, adoitan ser persoas raras ou marxinais dentro da comunidade; indagacións colectivas arredor dun conflito artístico ou cultural». Escribiu tamén contos de medo, misterio e do marabilloso, ao tempo que transitou outros xéneros literarios, como o ensaio.
Salienta entre eles Cando petan na porta pola noite, publicado en 1994, do que di: «É o seu libro máis coñecido, polo que obtivo o Premio Rañolas ao mellor libro de LIX (1995), o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1996), foi incluído na lista White Ravens e seleccionado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez, en xuño de 2000, como unha das cen obras da LIX española do século XX». En Catro cartas (2000), o seu libro máis persoal, utilizou o xénero epistolar para revelar as razóns que o levaron a converterse en escritor e no que aparece unha das súas citas máis célebres: «O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia».
A entrada do Álbum salienta o peso destacado que tivo na súa literatura a súa infancia chairega. Criouse nas tertulias do Café Español, coñecido como o café de Valeriano, que rexentaron seus pais, e na Escola de Castro, onde ingresou antes do que lle correspondía pola súa idade. De alí foi para o seminario de Lugo, unha etapa na que Bragado conta que a súa condición de galegofalante fíxolle pasar moitas penalidades e que «con dez anos escribía un conto todas as noites, que á mañá seguinte lían os seus mellores amigos». De alí foi á Escola Normal da Coruña, onde estudou Maxisterio, o que lle abriu as portas da docencia, na que foi «un mestre renovador, comprometido coa lingua e a lectura».
Titor de Agustín Fernández Paz, quen foi a porta de acceso a unha fonda amizade, formou parte «dos grupos de mestres que na década de 1970 intentaron a renovación das metodoloxías e a incorporación do ensino do galego e do ensino en galego», figura na entrada.
«Non se pode entender a obra artística e a traxectoria vital de Docampo sen a súa paixón por outras formas de contar», afirma Manuel Bragado, quen explica que se achegou ao teatro, á radio e ao audiovisual a través da curtametraxe Na outra beira das augas grandes, nos albores do cinema galego. Tamén participou no programa Preescolar na casa e elaborou materiais didácticos en galego dirixidos ás familias e, entre eles, gravacións radiofónicas emitidas por Radio Nacional de España (RNE).
Foi un activista dos libros e da literatura e membro da Xeración Lamote xunto con Agustín Fernández Paz e Paco Martín. «A “Xeración Lamote” é o sintagma utilizado para referirse a que os tres eran escritores chairegos, os tres premiados co Nacional de LIX, os tres mestres galeguistas das Pombas e Mazás, os tres pacifistas de Nova Escola Galega, os tres trabes das letras chairegas universalmente galegas», explica Bragado.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020, o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con 795 entradas, das cales as máis recentes son as de Agustín Fernández Paz, África Leira, Concha do Canizo, a entrada colectiva da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Heidi Kühn-Bode ou Luisa Villaverde.
As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e constitúen unha fonte rigorosa para acceder á vida e á obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.


