----

Unha xornada aborda en Palas de Rei o papel do territorio na creación contemporánea

A residencia artística Do Picho situada en Palas de Rei acolle este xoves 25 de xuño (a partir das 16:30 horas) a xornada “Territorio e identidade. Apostas dende a ruralidade e o contexto non urbano”. Un encontro organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) que propón reflexionar sobre o papel do territorio na creación contemporánea, poñendo en valor iniciativas que, dende o non urbano, contribúen a ampliar o campo de acción da arte e a complexificar os discursos sobre identidade, pertenza e produción cultural. Paula Cabaleiro, coodinadora da sección e secretaria do CCG, inaugura esta sesión coordinada por Rosendo Cid e Eduardo Valiña. Non se emite en directo pero será gravada.

A proposta parte da idea do territorio como soporte histórico e simbólico, onde as paisaxes físicas e humanas constrúen formas de representación propias. Neste marco, abórdase a tensión entre as prácticas artísticas vinculadas ao local e os procesos de globalización cultural que, ao longo das últimas décadas, foron redefinindo as linguaxes, os formatos e as formas de lexitimación no sistema artístico. A xornada pon o foco na recuperación de prácticas contextuais e na relectura do rural non como periferia residual, senón como espazo activo de produción cultural e de experimentación.

O programa ábrese cun relatorio de Ralf Jürgens, responsable da xestión das residencias internacionais Do Picho, un proxecto situado no propio territorio de Palas de Rei que funciona como punto de encontro para artistas de diferentes procedencias. A súa intervención afondará no papel das residencias como dispositivos de intercambio e como estruturas que permiten articular prácticas artísticas en diálogo directo co contexto rural.

A continuación, o artista Juan Díaz-Faes presentará a súa experiencia vinculada a SOLO Castanedo, en Cantabria, un proxecto que combina creación contemporánea, espazo de traballo e programación expositiva. A súa intervención incidirá na construción de ecosistemas artísticos en espazos non metropolitanos e na capacidade destes lugares para xerar discursos visuais propios dentro do panorama estatal e internacional.
O encontro inclúe tamén as achegas de Sergio Marey, cuxo traballo se sitúa na intersección entre arte, territorio e acción social, explorando as relacións entre comunidade, memoria e prácticas culturais situadas. A súa participación abordará a dimensión política da creación en contextos rurais e o potencial da arte como ferramenta de mediación e transformación local. Pola súa banda, a artista e cineasta Ariadna Silva Fernández presentará unha aproximación ás prácticas audiovisuais contemporáneas desde unha perspectiva autoral que combina investigación visual, narrativas do territorio e exploración de formatos híbridos. O seu traballo incide na capacidade do cinema e da imaxe en movemento para construír relatos alternativos sobre a identidade e o espazo.

A sesión conclúe cun debate que propón unha lectura transversal dos contidos abordados, favorecendo a conexión entre prácticas artísticas, pensamento crítico e experiencias situadas no medio rural.