Este chatbot de conversa é un asistente de intelixencia artificial que recupera e verbaliza o pensamento do escritor ourensán apoiándose exclusivamente nos seus textos, na súa correspondencia e nos estudos que se lle dedicaron. Na presentación, López Silva destacou que “o bot mantén a verborrea oceánica e o ton conversacional que caracterizou a Otero”. Todo o proxecto foi concibido e desenvolvido integramente en lingua galega, desde o código ata a interface, en colaboración con Editorial Galaxia, depositaria de boa parte da obra do escritor, así como a Fundación Otero Pedrayo.
Funcionamento
Cando unha persoa formula unha pregunta, o sistema non lla traslada sen máis a un modelo de linguaxe. Primeiro, un motor de recuperación léxica localiza nas máis de catorce mil pasaxes do corpus os fragmentos máis pertinentes, reforzados por unha rede de vínculos entre entidades (persoas, lugares, obras, conceptos) e por unha capa de facetas temáticas. Só entón se lle entrega ese material seleccionado ao modelo, coa instrución de responder en primeira persoa e con fidelidade histórica. O sistema distingue en todo momento entre o que Otero dixo de si mesmo (fontes «propias») e o que outros escribiron sobre el (marcado como estudo), de modo que o bot nunca atribúe ao autor afirmacións alleas.
Outra das apostas distintivas do proxecto é que se dirixe tamén á infancia. O sistema ofrece unha política de tres modos —adulto, infantil e a opción de que a propia persoa escolla— que adapta tanto o rexistro das respostas como a aparencia da interface. No modo infantil, o bot preséntase cunha estética de banda deseñada: tipografías amables, bocados de diálogo e unha linguaxe pensada para achegar a figura de Otero Pedrayo aos máis novos sen perder rigor. Deste xeito, o mesmo corpus documental serve para responderlle a un investigador e para espertar a curiosidade dun neno ou nena, converténdose nunha ferramenta útil para o ámbito educativo durante o Ano Oteriano.
Arquitectura técnica
O bot funciona sobre unha pila deliberadamente lixeira e sostible: PHP 8.3 con base de datos SQLite e indexación de texto completo FTS5, interface en JavaScript sen dependencias de frameworks, e o modelo Claude Haiku operando do lado do servidor para a xeración da resposta final. O conxunto —arredor de 10.100 liñas de código repartidas en 57 ficheiros PHP— despregase por FTP, sen infraestrutura pesada, o que garante a súa perdurabilidade máis alá do ano conmemorativo. Sobre esa base, o sistema incorpora funcionalidades como un mapa de descubrimento do universo temático do autor, unha memoria revisable e borrable pola persoa usuaria, tratamento personalizado e non binario, xeración de eventos multimedia e roteiros xeográficos, e un motor propio de corrección da lingua galega.
O asistente incorpora un aparato bibliográfico de 907 referencias —623 de autoría de Otero (273 artigos de revista, 240 monografías, 56 prólogos e epílogos, 46 capítulos, ademais de traducións e direccións de tese) e 284 estudos sobre a súa figura, cun rango que abrangue de 1921 a 2025—, procesadas a partir das fontes documentais da Fundación Penzol.
O corpus conta con 79 obras integradas (28 propias, 14 estudos e 37 de contexto) entre as que se atopan títulos maiores como Arredor de si, Os camiños da vida, Guía de Galicia, Ensayo histórico sobre la cultura gallega, A romaría de Xelmírez ou O libro dos amigos, xunto con epistolarios completos e volumes de recente edición (2026). Indexa 14.600 pasaxes e 3.17 millóns de palabras. Fai referencia a 827 entidades (345 peroas, 250 lugares, 164 conceptos e 68 obras).
Un proxecto de país
O bot de Otero Pedrayo é, en palabras de Dolores Vilavedra, “un paso máis da aposta da institución por un uso ético da IA, ademais dun proxecto de país”. Encádrase dentro dunha liña de acción de incorporar as ferramentas tecnolóxicas para a divulgación da cultura galega. Un exercicio construído sobre criterios de rigor filolóxico dado que cada resposta é trazable ata a súa fonte, distínguese sempre a voz do autor da voz da crítica, desenvolvido en lingua galega en todas as súas capas. Supón tamén a colaboración con outras entidades, neste caso a Editorial Galaxia.



