NOTICIA

----

O ciclo “Soster o noso” abre cunha sesión sobre o patrimonio gandeiro da Serra do Suído

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) abre o ciclo “Soster o noso” para crear un espazo de reflexión e de achegamento arredor do patrimonio dos lugares contando coa xente que o coñece de primeira man e que traballa para mantelo vivo. O ciclo comeza en Fornelos de Montes coa xornada “A serra do Suído. A memoria gandeira entre as pedras” na que diferentes especialistas abordan o pasado e futuro do patrimonio gandeiro. Teresa Nieto, Paula Ballesteros e David García coordinan esta sesión que inclúe unha sesión de relatorios e un roteiro pola serra. A xornada non se emite en directo pero será gravada e as intervencións subiranse ao web corporativo e a canle de YouTube.

O ciclo comeza nun espazo no que a gandaría tradicional deixou a súa pegada nunha paisaxe singular que separa as provincias de Pontevedra e Ourense. Faino cunha xornada que presentará os resultados de máis de vinte anos de investigación sobre este territorio. Os chozos, construídos en pedra seca como refuxio dos pastores durante o pastoreo estival, son unha das manifestacións máis singulares deste patrimonio. Xunto con cortellos, sesteiros, foxos de lobo e outras estruturas espalladas polos montes, conforman un legado que permite reconstruír as formas de vida, os sistemas de aproveitamento comunal e os coñecementos tradicionais vinculados á gandaría de montaña.

A sesión da mañá estará dedicada ás investigacións desenvolvidas especificamente na serra do Suído. A arqueóloga e antropóloga Paula Ballesteros-Arias abrirá a sesión coa conferencia "Entre pedras e gando. Arqueoloxía e traballo de campo etnográfico na serra do Suído", na que repasará a evolución das investigacións realizadas neste espazo e explicará como a combinación da arqueoloxía coa etnografía permitiu interpretar os restos materiais a partir da memoria e dos coñecementos das comunidades locais. A continuación, o investigador do Incipit-CSIC David García Casas presentará "As escavacións arqueolóxicas nos chozos do Suído (Campañas 2024-2025): os chozos de Casariños e os chozos de Vilán", unha intervención na que dará a coñecer os primeiros resultados das campañas arqueolóxicas realizadas nestes dous conxuntos, fundamentais para coñecer a cronoloxía, os usos e a evolución deste tipo de arquitectura pastoril.

A historiadora Lara Barros Alfaro ofrecerá a conferencia "O que a documentación nos conta sobre montes e cabana gandeira no Suído", centrada nas fontes documentais que permiten reconstruír a organización dos montes comunais, a evolución da cabana gandeira e as formas históricas de aproveitamento deste territorio. Ademais, a antropóloga Belén Carballo Domínguez presentará "A Rolda: patrimonio inmaterial gandeiro nas terras de Covelo", un traballo que recupera prácticas, saberes e formas de organización social ligadas á gandaría tradicional e que forman parte do patrimonio inmaterial da serra.

O arqueólogo e investigador do Incipit-CSIC Carlos Otero abordará "A Cidade das Costas do Alén", unha investigación sobre un destacado enclave arqueolóxico do Suído que contribúe a ampliar o coñecemento da ocupación histórica destas montañas e da relación entre as comunidades humanas e a paisaxe. A sesión matinal pecharase coa presentación "Paisaxes invisibles na serra. 10 anos de Suído LAB", a cargo do arquitecto e paisaxista Manuel Bugallo e do historiador e técnico de desenvolvemento rural Fran García, que realizarán un balance dunha década de traballo dedicada á investigación, documentación e divulgación dos valores culturais e paisaxísticos da serra do Suído.

Pola tarde, as xornadas abriranse a outras experiencias desenvolvidas en Galicia arredor do patrimonio cultural de montaña. O arqueólogo Víctor Barbeito e o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Fábregas presentarán "Os Chans do Barbanza, terra de vivos e de mortos?", unha análise sobre a riqueza arqueolóxica e as múltiples ocupacións históricas deste espazo. De seguido, Xilberte Manso de la Torre e Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoráns, ofrecerán a conferencia "O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), 27 anos investigando, divulgando e protexendo o patrimonio da serra da Groba. A loita continúa", na que compartirán a experiencia dunha das iniciativas máis consolidadas de investigación e defensa do patrimonio de montaña en Galicia. O encontro rematará coa mesa "As comunidades de montes, entre montañas e memoria. O patrimonio cultural das nosas serras", moderada por Belén Carballo, que reunirá persoas investigadoras e representantes das comunidades de montes para reflexionar sobre a protección e valorización do patrimonio cultural presente nos montes comunais, compartir experiencias e analizar novas vías de colaboración entre investigación e xestión do territorio. A modo de peche, o segundo día realizarase unha excursión para mostrar algúns destes conxuntos arqueolóxicos da gandaría na serra do Suído. A visita terá lugar pola parroquia da Laxe, no concello de Fornelos de Montes, para coñecer sobre o terreo os chozos de Vilán (O Curral do Porto), o Coto dos Ladróns e os chozos de Casariños, escavados recentemente, achegando aos participantes aos lugares que protagonizaron boa parte das investigacións presentadas durante o encontro.

Ciclo “Soster o noso”
Este ciclo nace coa vontade de achegar á cidadanía lugares, saberes e paisaxes que forman parte da identidade de Galicia. A proposta parte da idea de falar do patrimonio desde o propio territorio, contando coa participación de quen o investiga, o habita e contribúe á súa conservación.