Na apertura da xornada, a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, explicou que o obxectivo era propiciar unha análise "seria, rigorosa, exhaustiva e contextualizada" sobre a situación das institucións culturais galegas. Ademais, lembrou que o Consello leva anos traballando neste ámbito e destacou que "cómpre reforzar os espazos para contribuír a fortalecer as bases da cultura democrática". Pola súa banda, Paula Cabaleiro, secretaria da institución, coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas e co-coordinadora do encontro, definiu a cita como "o primeiro paso dun camiño" destinado a crear "espazos de estabilidade e de encontro entre os distintos axentes do sector". Tamén lembrou que este proceso continuará no segundo encontro e que "das conclusións das dúas xornadas sairá un informe que recollerá as principais propostas formuladas polo sector".
Entre as principais conclusións figurou a conveniencia de analizar os modelos de gobernanza desenvolvidos noutras comunidades autónomas e nos museos nacionais, así como a creación dunha mesa sectorial permanente, impulsada desde o CCG, que funcione como canle estable de interlocución entre o sector das artes visuais, a Consellería de Cultura, as administracións locais, provincias así como as diferentes forzas políticas.
Os grupos de traballo tamén reclamaron a elaboración dun plan director -participado polo sector cultural- para o CGAC, a convocatoria de prazas especializadas para os museos públicos galegos, a revisión da figura xurídica do centro para reforzar a súa autonomía e a recuperación dun padroado plural con representación do sector. Ademais, insistiron na necesidade de que as direccións dos centros non dependan das decisións políticas e de que as institucións se adhiran de maneira efectiva ao Código de Boas Prácticas.
Outra das conclusións compartidas foi a importancia de reforzar a transparencia dos criterios de avaliación en todos os procesos de selección e ampliar os espazos de participación. As persoas relatoras defenderon que o debate arredor das políticas culturais debe implicar tamén á cidadanía e resumiron ese obxectivo cunha idea compartida durante a posta en común: "temos que conseguir que o debate volva á rúa e que as e os artistas volvan ao espazo público". Tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de recuperar e difundir o traballo realizado nas últimas décadas arredor das boas prácticas e de crear referentes que contribúan a consolidar unha cultura institucional baseada na confianza, na profesionalización e na corresponsabilidade.
Tres mesas de análise
A primeira mesa, dedicada ao marco xurídico e legal, serviu para contextualizar a situación do CGAC desde unha perspectiva histórica e comparada. O catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Carlos Amoedo iniciou a súa intervención lembrando que "o dereito é unha ferramenta moi útil, cargada de futuro, cando se utiliza correctamente", antes de reconstruír a evolución normativa do centro desde a súa creación. Na súa análise explicou como as sucesivas reformas administrativas modificaron o modelo inicial de gobernanza, reducindo progresivamente o papel do padroado e a autonomía da dirección artística, ata concluír que "a normativa propia do CGAC non permite transparencia".
Pola súa parte, o avogado e socio fundador da Fundación Gabeiras Roger Dedeu explicou que "non existe unha normativa sobre dirección de museos" aplicable a todo o Estado e repasou os distintos modelos desenvolvidos polas comunidades autónomas e polos museos estatais. Defendeu procesos de selección baseados na concorrencia pública, na avaliación dos proxectos museísticos e na independencia das direccións respecto dos ciclos políticos, aínda que advertiu que "non hai unha fórmula máxica", xa que cada modelo depende da configuración institucional de cada centro.
A segunda mesa reuniu representantes das asociacións profesionais da creación e da xestión cultural, que coincidiron en sinalar a necesidade de reforzar o diálogo entre as administracións e o sector. María Gil, da Asociación Vegliota, afirmou que a situación actual "non é falta de política cultural, é falta de política cultural específica", ao tempo que relacionou os problemas do CGAC coa precariedade estrutural, a ausencia de planificación e a perda de conexión dos centros co seu territorio e coas súas coleccións.
Desde ADACE, Agustín Pérez Rubio situou o debate galego nun contexto internacional e asegurou que "o drama que se está a vivir excede o territorio galego", lembrando que organismos como o ICOM tamén manifestaron preocupación pola autonomía de moitas institucións museísticas.
Iria Vázquez, da Asociación A Colectiva, definiu o caso do CGAC como "a punta do iceberg dunhas políticas públicas que se fan á marxe do sector". Pola súa banda, Clara Cordeiro, da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, advertiu de que "o resultado non muda que os procesos importan", reivindicando que a transparencia e a participación son condicións imprescindibles para a lexitimidade institucional.
Na mesma mesa, Holga Méndez, representante de Mujeres en las Artes Visuais (MAV), apostou por "pasar dunha cultura da administración a unha cultura da gobernanza", baseada na transparencia, na participación efectiva, na responsabilidade compartida e nos coidados, e preguntouse se "pode funcionar un museo sen a confianza do sector".
A terceira mesa incorporou a perspectiva das institucións culturais, da universidade e do sector galerístico. Ignacio Barcia, do Instituto de Arte Contemporáneo (IAC), insistiu na necesidade de aplicar o Código de Boas Prácticas como marco de referencia para a dirección e a xestión das institucións de arte contemporánea. Mónica Alonso, da Real Academia Galega de Belas Artes, informou de que a institución lle trasladou ao conselleiro de Cultura a necesidade de que o CGAC conte cun perfil de dirección de alta especialización e cunha planificación estratéxica acorde coa súa relevancia.
Pola súa banda, Federico López Silvestre, da Universidade de Santiago de Compostela, destacou que "nunca vira a comunidade da arte tan unida", mentres que Chus Villar, presidenta de CONTEMPORÁNEA, lembrou que "o caso do CGAC non é o único que nos preocupa en Galicia", aínda que recoñeceu que a situación provocou unha mobilización sen precedentes do sector. A profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Carmen Lage incidiu na necesidade de fortalecer a relación entre a formación artística, a investigación e as institucións culturais.
Informe final
Esta primeira xornada terá continuidade o próximo mes de setembro – 22 de setembro -nun segundo encontro sectorial, do que sairán, xunto coas conclusións desta sesión, as recomendacións que integrarán o informe final que elaborará o Consello da Cultura Galega. O documento final terá unha primeira parte de diagnose e unha segunda de carácter propositiva, porque pretende ser un documento útil que non teña só unha parte de boas prácticas para a selección de postos directivos e as equipas de postos culturais, senón tamén a interlocución necesaria no deseño, execución e seguimento das políticas públicas.







