Ao longo da sesión púxose de manifesto que, máis de tres décadas despois da creación dos primeiros Centros de Estudos Galegos, continúa existindo un importante potencial de colaboración entre eles, aínda que persisten retos relacionados coa coordinación, a estabilidade das estruturas e a dispoñibilidade de recursos para desenvolver unha programación cultural continuada.
Neste contexto, o Consello da Cultura Galega manifestou a súa disposición a desempeñar un papel de mediación entre os diferentes axentes implicados, favorecendo espazos de diálogo, coordinación e asesoramento. Entre as posibilidades expostas figura tamén a elaboración de materiais específicos de apoio para os centros e a organización puntual de actividades conxuntas que reforcen a visibilidade internacional da cultura galega. Esta iniciativa inscríbese na liña de traballo do CCG de fortalecer a acción exterior da cultura galega mediante a creación de redes de colaboración estables.
Durante a xornada presentouse tamén un estudo sobre as necesidades e capacidades da rede de Centros de Estudos Galegos, elaborado a partir dunha consulta aos propios centros. O informe conclúe que existe un interese claro por participar nunha programación cultural compartida, aínda que a capacidade para desenvolvela é moi desigual segundo as características de cada institución.
O estudo identifica o financiamento como unha necesidade transversal, pero salienta que os recursos económicos, por si sós, non son suficientes. Para consolidar unha programación en rede resulta imprescindible combinalos con mecanismos de coordinación, materiais compartidos, apoio técnico, formatos híbridos e procedementos administrativos sinxelos.
Outra das conclusións apunta ao papel estratéxico do persoal lector, que debe entenderse non só como un recurso docente senón tamén como unha infraestrutura cultural esencial para a proxección internacional de Galicia. Alí onde existe un lectorado consolidado e con apoio institucional, os centros desenvolven unha actividade cultural máis intensa e actúan como punto de conexión coas comunidades universitarias e coa difusión da Galicia contemporánea.
A análise tamén evidencia a diversidade de perfís existentes dentro da rede, polo que recomenda evitar solucións uniformes e avanzar cara a modelos flexibles que se adapten ás necesidades de cada centro. Entre as propostas recollidas figura a posta en marcha dun programa piloto de extensión cultural, pequeno, modular e avaliable, que permita experimentar formatos compartidos, reutilizar recursos e medir o seu impacto.
As conclusións do encontro e do estudo reforzan a idea de que o futuro dos Centros de Estudos Galegos pasa por construír unha infraestrutura compartida que mellore a coordinación e dea continuidade ao traballo que xa desenvolven as universidades participantes. Neste escenario, o Consello da Cultura Galega ofrece a súa capacidade institucional para facilitar ese proceso e contribuír a consolidar unha rede máis conectada, visible e eficaz na proxección internacional da lingua e da cultura galegas.



