NOTICIA

----

“Proxector”, iniciativa de divulgación en galego, aborda a xestión forestal nesta entrega

“Proxector”, especial de divulgación en lingua galega promovido polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), regresa este mes cunha nova escolma de audiovisuais dedicada á xestión forestal como ferramenta para previr os incendios e favorecer un aproveitamento sustentable do territorio.

Baixo o título “Xestión forestal. A ciencia que evita o desastre”, o especial reúne unha ducia de vídeos que permiten coñecer mellor a ciencia dos incendios forestais e achegarse ás posibles solucións desde diferentes perspectivas. A proposta parte dun contexto marcado por vagas de calor máis intensas, secas prolongadas e incendios cada vez máis rápidos e difíciles de controlar, e pon o foco na necesidade de actuar sobre o territorio antes de que aparezan as lapas.

A escolma percorre cuestións como a ciencia dos incendios, a historia e os usos dos montes galegos, os sistemas agroforestais, a silvicultura, o aproveitamento dos recursos forestais e os servizos ecosistémicos dos montes. Tamén aborda o papel dos montes veciñais en man común, a certificación forestal, os mercados de carbono e diferentes experiencias de innovación e dinamización económica vinculadas ao monte.

Entre os contidos inclúense entrevistas a especialistas e pezas de divulgación científica, documentais e vídeos didácticos procedentes de iniciativas da USC, da Asociación Forestal de Galicia e doutras entidades, que ofrecen unha visión ampla dun territorio no que a superficie forestal ocupa arredor de dous terzos da extensión galega.

Con este novo especial, “Proxector” propón entender os incendios forestais desde unha perspectiva científica e territorial e reivindica a xestión sustentable dos montes como unha vía para reducir o risco de incendios e, ao mesmo tempo, xerar oportunidades ambientais, sociais e económicas para Galicia.

Proxector, iniciativa de divulgación
“Proxector: audiovisuais en galego para a docencia” é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.