Este xornal anarquista considérase continuador do xornal Cultura Obrera xa que comezou a editarse pouco despois de que esa cabeceira se trasladase a Detroit. Ambos os dous periódicos se centran na propaganda antisistema e na educación da clase obreira para a súa loita contra a que consideran unha sociedade capitalista opresora. No seu primeiro número defínense como un grupo de obreiros que, despois "de nuestra ruda tarea diaria en la fábrica, en el taller, en la mina y en el campo, dedicamos nuestras fuerzas y nuestra actividad a luchar contra el enemigo común: Estado, Capitalismo y Religión; a conquistar nuestros derechos de hombres libres y productores conscientes (...)". A cabeceira defende os ideais anarquistas e libertarios dos traballadores hispanos residentes nos Estados Unidos, pero tamén aparecen numerosas noticias de denuncia e artigos sobre a situación dos traballadores en América Latina (Porto Rico, Cuba e Arxentina principalmente) e en Europa. Dedica as súas páxinas a difundir e promover a loita polos dereitos da clase obreira.
En 1930 convértese no voceiro oficial da Federación de Grupos Anarquistas de Lengua Castellana de los Estados Unidos, e nos anos 40 aparecen numerosos artigos cos postulados políticos defendidos na Confederación Nacional de Trabajadores (CNT).
Entre os artigos e colaboracións atópanse textos de líderes revolucionarios como Ricardo Flores Magón, Piotr Kropotkin, Emilio Castelar ou Ricardo Mella, entre outros moitos. Hai artigos que son traducidos do inglés e outros reproducidos de xornais europeos e americanos. Tamén colaboaron nel outros anarquistas como Antonio Estévez, José Ingenieros, Frank Crane, Rafael Barret, Federico Urales, J. A. Pérez, Emilio Gante, Francisco Urbión, Roberto A. Müller, Emilio Carrere, Joaquín Sierra, A. Rodó, Carlos Brandt, Ángel M.ª Dieppa, Emiliano Ramos, J. Sendón, J. Villa ou Marcelino García.
Este xornal foi localizado e dixitalizado polo Consello da Cultura Galega na The New York Public Library, no marco dun proxecto sobre os obreiros anarquistas galegos no exterior, dirixido polo profesor Bieito Alonso. O AEG ten nos seus arquivos 1 255 números desta cabeceira. En 2021, no marco deste mesmo proxecto, o Arquivo da Emigración Galega puxo a disposición do público os primeiros 347 números da publicación, que abranguen de 1927 ata 1934; e en 2024 subiuse outro lote de 150 números do período que vai de 1936 a 1937.
O “Repertorio da prensa da emigración galega”
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o “Repertorio da prensa da emigración galega”, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG. Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse exemplares de Vida Gallega editada na Habana, 46 números novos de El El despertar Gallego, cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza e o xornal TEO; ou 155 números da publicación semanal, Galicia, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina



