A publicación parte dunha idea central: o estudo da cultura impresa xa non pode limitarse ao libro entendido como obxecto pechado. A diversidade de soportes, formatos e prácticas de edición abriu un novo campo de investigación no que cobran importancia materiais como as revistas efémeras, as publicacións artesanais, os fanzines, as follas voantes ou os obxectos híbridos. Esta perspectiva permite analizar non só os textos, senón tamén as formas de producilos, deseñalos, imprimilos, distribuílos e lelos.
Estruturado en tres grandes bloques (Legados textuais, materialidades e retos epistémicos; Cultura impresa, cultura visual. Textos, imaxes, deseño; e Cultura impresa e cambio social) percorre desde os códices medievais aos fanzines, das imprentas aos deseñadores, das edicións dixitais ás octavillas e das publicacións literarias ás formas impresas de protesta e expresión social. O volume pon de manifesto que estudar un texto implica tamén atender ao soporte que o transmite, ás persoas que participan na súa produción, aos circuítos polos que circula e ás comunidades que o len. Nese sentido, a cultura impresa convértese nun espazo de encontro entre a historia do libro, a filoloxía, a literatura, as artes visuais e a historia social. Esta estrutura reproduce a organización do simposio do que parte.
Do manuscrito medieval á edición dixital
O primeiro bloque reúne catro achegas sobre os legados textuais e as transformacións nas formas de estudalos e transmitilos. Déborah González, no texto titulado *O legado lírico medieval no medio dixital*, analiza as posibilidades das humanidades dixitais para o estudo da lírica medieval galego-portuguesa, así como os retos que presenta a reprodución dixital fronte á materialidade do manuscrito. Ramón Mariño Paz, en *Papés d’emprenta condenada*, aborda o paso da cultura manuscrita á impresa nos inicios da literatura galega contemporánea e o papel da prensa na configuración do sistema literario moderno. A contribución de Henrique Monteagudo, titulada *A edición do legado textual trobadoresco e a elusiva materialidade da «compilación xeral* destaca a posible existencia dun antígrafo común aos cancioneiros da Biblioteca Nacional e da Biblioteca Vaticana e as dificultades para reconstruír a súa materialidade. Mentres que María Xesús Nogueira Pereira analiza en *A edición alternativa na poesía galega: dos anos noventa a hoxe* publicacións desenvolvidas á marxe dos circuítos editoriais convencionais, coa atención posta na autoedición, as pequenas tiraxes e a dimensión artesanal do libro.
Libros, deseño e publicacións nas marxes
O segundo bloque aborda a relación entre cultura impresa e cultura visual, con especial atención ao deseño e ás formas de edición alternativas. David Carballal Cuña reivindica os diferentes oficios implicados na produción editorial e o papel do deseño gráfico na configuración do libro. Antonio Doñate Mañeru recupera o labor gráfico de Xohán Ledo e a súa contribución á renovación do deseño editorial galego. Nesa liña, Ramón Mariño Fernández, en *Nos arrabaldos da cultura impresa na Galicia de hoxe*, percorre a historia do fanzine galego e o seu papel como espazo de creación e expresión á marxe dos circuítos profesionais. Pecha o bloque **Germán Labrador Méndez**, que en *Fantasmas do Nunca Máis* analiza a dimensión material e visual das formas efémeras de protesta, desde o movemento Nunca Máis ata mobilizacións posteriores e a súa transformación no ámbito dixital.
A cultura impresa como documento social
O terceiro bloque explora o papel dos impresos na construción da memoria e na transformación social. Jesús A. Martínez Martín, en *Las octavillas. Materialidad textual y formas de lectura*, estuda as follas voantes e as octavillas como formas de cultura impresa efémera e a súa relación coa comunicación clandestina e a protesta durante o franquismo. *A historia da disidencia sexual en Galicia a través das publicacións impresas (s. XX)* chega da man de Daniela Ferrández que emprega prensa, publicacións militantes e literatura para reconstruír aspectos da historia das sexualidades disidentes en Galicia e o papel destes medios na creación de espazos de expresión e redes. José Luís Forneiro analiza en *A coleção O Moucho de Xosé María Álvarez Blázquez, entre a literatura popular escrita e a literatura de massas* esta colección de Edicións Castrelos e a súa contribución á difusión da literatura galega entre un público amplo durante o franquismo. Finalmente, Xosé Manuel Dasilva, en *Censura e autotradución en Celso Emilio Ferreiro*, estuda as distintas versións de *Epitafios / Cimenterio privado / Cementerio privado* e o modo en que a censura e a autotradución interviñeron na súa historia editorial.



