A sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Oleiros” naceu como unha entidade recreativa e de socorros mutuos cos propósitos de protexer e repatriar os seus asociados en caso de necesidade, fomentar o ensino no municipio de Oleiros mediante a creación de escolas, difundir o espírito asociativo entre os conveciños residentes na Arxentina e manter unha relación estreita coas sociedades homólogas existentes en ambas as beiras do Atlántico. A documentación incorporada ao especial permite achegarse á organización e á actividade desta sociedade de emigrantes, así como ao papel desenvolvido por este tipo de entidades como espazos de solidariedade, asistencia mutua, sociabilidade e preservación dos vínculos coa terra de orixe. As sociedades microterritoriais creadas pola emigración galega desempeñaron, ademais, un papel destacado na promoción da educación e na articulación de redes de colaboración entre as comunidades emigradas e os seus concellos de procedencia.
Unha entidade que continúa activa
A sociedade mantivo a súa actividade ao longo das décadas e continúa hoxe activa baixo a denominación de Asociación de Oleiros Mutual, Cultural y Recreativa, cunha traxectoria de 108 anos ao servizo dos seus socios e socias. Ten a súa sede no casco histórico do barrio porteño de San Telmo, na rúa Piedras 848, un espazo no que se desenvolven diversas actividades culturais e sociais. Entre elas están a celebración de festividades como a de Santa María de Oleiros, o Fin de Ano ou o Día de Galicia, así como os ensaios do seu grupo tradicional de baile e outras propostas culturais abertas á comunidade residente no barrio.
O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O Arquivo da Emigración Galega puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, unha iniciativa destinada á divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega.
A divulgación desta selección de fondos ten carácter periódico e permite achegar á cidadanía os documentos xerados por estas institucións, entre os que se atopan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade e documentación gráfica. A iniciativa contribúe así á preservación destes materiais e facilita a súa consulta e estudo, ao tempo que pon en valor o papel desenvolvido polas sociedades da emigración na historia social, cultural e educativa de Galicia.
Entre as últimas entregas do proxecto figura documentación de sociedades como o Centro Galego de Barcelona, Hijos del Ayuntamiento de Abadín, Alianza Céltigos, Corbelle y sus contornos, Carballiño y su partido, Liga Santaballesa de Educación e Instrución, Progreso de Lanzós, El Valle del Oro, Centro Galego de Lisboa, Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro ou Casa de Galicia, entre outras entidades.



