A presentación que acolle o CCG pretende reivindicar o traballo desenvolvido por Francisco Xavier Redondo Aba na recuperación da memoria histórica. Para iso, presenta a súa derradeira obra, que se centra na figura de Enrique Peinador Porrúa, avogado, masón e galeguista militante de Izquierda Republicana, asasinado polos franquistas en Madrid o 27 de abril de 1940. Peinador foi condenado, xunto con outras 43 persoas, nun consello de guerra irregular polo seu compromiso coas liberdades democráticas e coa defensa do réxime constitucional e lexítimo da República. O seu labor como xuíz no Comité Provincial de Investigación Pública foi tamén utilizado pola Ditadura para construír unha causa de represión e castigo exemplarizante. Unha obra que pretende sacar do esquecemento unha vida truncada pola represión e devolverlle nome, contexto e significado histórico.
A investigación de Redondo Abal permite reconstruír a traxectoria de Peinador e achegarse ás circunstancias da súa persecución, condena e morte, ao tempo que recupera a memoria dunha xeración de republicanos e galeguistas que participou no proxecto político e cultural dunha Galicia que aspiraba a construír o seu propio futuro.
Sobre o autor
Francisco Redondo Abal naceu en Pontevedra e licenciado en Xeografía e Historia, desenvolveu unha longa traxectoria vinculada á investigación histórica e á recuperación da memoria democrática. Na USC exerceu como director da Biblioteca de Física e da Biblioteca de Óptica e Optometría, e colaborou con numerosas institucións e proxectos de investigación.
A súa obra centrouse especialmente na represión franquista, na memoria histórica e na recuperación das traxectorias de bibliotecarias e arquiveiras, ámbitos aos que achegou unha importante tarefa de documentación e investigación. Formaba parte do Grupo Histagra da USC e da Sección de Patrimonio do Consello da Cultura Galega, desde onde participou no estudo e difusión do patrimonio documental e da memoria do país.



