En 1993, en Caracas, a Irmandade Galega de Venezuela decidiu poñer en marcha un proxecto editorial para "un maior achegamento entre os socios do Club, promover e apoiar o acervo cultural galego e ofrecer información actualizada, auténtica e veraz". Así constaba no editorial publicado no primeiro número e que asinou o editor, José Antonio Rodríguez. A publicación converteuse “no medio que propiciou o reencontro co sentir e quefacer galego para manter vivas os costumes e tradicións”. Saíu do prelo en pleno Ano Xacobeo porque, segundo recoñeceu o editor no primeiro número da revista, "sentimos que e unha excelente forma de honrar este acontecemento e poder contar coas bendicións que necesitamos para esta fermosa iniciativa".
A revista contiña ampla información sobre o funcionamento da entidade: relacións institucionais, visitas, infraestruturas, reunións, actividades sociais e culturais etc. Esta información completábase con artigos histórico-culturais, seccións de lecer e reportaxes especiais de temática diversa. Só chegaron a editarse tres números cuxa dixitalización posibilitou o propio editor da revista, José Antonio Rodríguez.
O “Repertorio da prensa da emigración galega”
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o “Repertorio da prensa da emigración galega”, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG. Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse exemplares de Cultura Proletaria, Vida Gallega editada na Habana, 46 números novos de El El despertar Gallego, cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza e o xornal TEO; ou 155 números da publicación semanal, Galicia, editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina



