----

O Arquivo Sonoro de Galicia pon en rede unha conferencia de Ramón Otero Pedrayo sobre Valentín Lamas Carvajal

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), pon en rede unha conferencia de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 - 1976) dedicada á figura e á obra de Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849 – 1906), nas vésperas do aniversario do nacemento do escritor: o 1 de novembro. A gravación permite recuperar a mirada dun dos grandes intelectuais galegos do século XX sobre unha figura fundamental das letras galegas e achegarse á súa personalidade, ao seu pensamento e á dimensión da súa creación literaria.

Na conferencia, pronunciada no Centro Ourensán de Bos Aires nun acto organizado polo Instituto Argentino de Cultura Gallega co gallo do Día das Letras Galegas de 1972, Otero Pedrayo detense especialmente na condición de cego de Lamas Carvajal e na maneira en que esta circunstancia condicionou a súa relación co mundo. Lonxe de interpretala como unha limitación da súa forza creadora, destaca que a cegueira reforzou a súa intuición e a súa capacidade para percibir a realidade a través da escoita. Lamas Carvajal, explica, “sentía e escoitaba máis que vía”; unha forma de coñecemento que lle permitía imaxinar paisaxes e captar a fala galega que o rodeaba.

Otero Pedrayo presenta así un escritor profundamente vinculado á vida popular e á cultura do país, atento ás xentes campesiñas, ás tradicións, ás paisaxes e ás formas de expresión da Galicia do seu tempo. Na súa interpretación, a obra de Lamas Carvajal nace dunha identificación íntima co pobo galego e dunha conciencia das súas condicións de vida. A súa escrita recolle a pobreza e as dificultades do mundo rural, pero tamén a súa dignidade, a súa memoria e as posibilidades dunha sociedade labrega.

Un dos eixes da conferencia é a mención ao Catecismo do labrego, que Otero Pedrayo considera unha das creacións máis significativas do autor. Destaca a súa extraordinaria riqueza expresiva e define a súa lingua como “verdadeiramente intencionada, picante, travesa e regueifeira”. Fronte a quen puidese interpretar a obra como unha chamada revolucionaria, Otero Pedrayo sitúaa nunha tradición máis fonda, vinculada á cultura popular galega e a certas representacións medievais da pobreza, da miseria e das desigualdades sociais. Nela recoñece, sobre todo, unha expresión da conciencia colectiva do país.

A conferencia aborda tamén a dimensión satírica de Lamas Carvajal, a súa relación con figuras como Montero Ríos e Curros Enríquez, o seu labor como prosista e a súa vinculación coa vida cultural ourensá. Otero Pedrayo reivindica, ademais, a necesidade dunha lectura crítica e xusta da súa traxectoria, máis alá das valoracións e dos prexuízos que condicionaron a súa consideración literaria.

A figura de Lamas Carvajal cobra protagonismo neste 2027 en que se cumpren 150 anos da aparición de O Tío Marcos d’a Portela, o xornal que o escritor e xornalista ourensán impulsou en 1876 e que marcou un fito fundacional na historia da prensa en galego.