A xornada comezará ás 10:00 horas cunha conferencia maxistral a cargo do arquitecto portugués João Mendes Ribeiro, profesor da Universidade de Coimbra e profesional cunha ampla traxectoria en proxectos de intervención e rehabilitación arquitectónica. O seu traballo foi recoñecido con numerosos galardóns internacionais, entre eles varios premios FAD, o RIBA Award for International Excellence e o Premio Nacional de Reabilitação Urbana de Portugal. Ás 11:15 horas terá lugar a conferencia-presentación “Intervención sobre o patrimonio edificado en Galicia: estado da cuestión”, a cargo da coordinación da actividade, que servirá para introducir os principais desafíos e cuestións que se abordarán ao longo da xornada.
A continuación, celebrarase a mesa temática “Criterios e metodoloxía de intervención sobre o patrimonio edificado de Galicia”, na que participarán cinco profesionais con experiencia en diferentes ámbitos da arquitectura e da protección patrimonial. Estarán Luis Gil Pita, arquitecto cunha ampla traxectoria en rehabilitación histórica, tradicional e do patrimonio moderno e contemporáneo; Fernando Agrasar Quiroga, arquitecto, doutor e profesor titular da Universidade da Coruña, cuxa investigación se centra na arquitectura moderna e contemporánea e nas súas relacións co patrimonio. Participarán tamén Eduardo Cruz Aguiar, arquitecto especialista en intervenciones de mellora e acondicionamiento urbano en ámbitos patrimoniais da cidade de Santiago de Compostela entre outros; Elena Parajó Calvo, xefa do Servizo de Arquitectura da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, desde onde se aborda a dimensión técnica e administrativa das intervencións nos bens culturais; e Óscar Andrés Quintela, arquitecto especializado en rehabilitación, construción en madeira, eficiencia enerxética e rexeneración de espazos públicos, que participa na coordinación dos traballos de restauración da catedral de Santiago de Compostela.
Na sesión da tarde o debate trasladarase ao ámbito institucional, profesional e académico cunha mesa de debate coa participación de Manuel Chaín, arquitecto vinculado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e con experiencia na conservación e restauración do patrimonio; José Antonio Padrón Conde, arquitecto e representante do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), que desenvolve o seu labor profesional no ámbito da rehabilitación e protección dos conxuntos históricos; Santiago Pintos Pena, representante do Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica da Universidade da Coruña, especializado en cuestións relacionadas coas estruturas, a inspección de edificios e a eficiencia enerxética; e Patricia Cupeiro López, profesora da área de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e integrante do grupo de investigación Iacobus, con traballos centrados na intervención arquitectónica no patrimonio construído e na relación entre patrimonio e turismo.
Completan a mesa Luis Gil Pita, que estivo pola mañá como arquitecto e pola tarde faino na súa condición de representante do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), onde exerce como vogal da Xunta de Goberno, e Andrea Fernández Arcos, directora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, profesional da conservación e restauración con experiencia en institucións museísticas de referencia. O debate contará tamén coa incorporación dos relatores e relatoras da sesión da mañá, dos representantes do CCG nos órganos asesores en materia de patrimonio cultural, dos membros da Sección de Patrimonio e Bens Culturais e do público asistente.
Un foro sobre o patrimonio edificado
Este foro que promove a Sección de Patrimonio parte da consideración de que o patrimonio edificado precisa actuacións que garantan a súa conservación e autenticidade, pero tamén intervencións que permitan recuperar os inmobles e adaptalos a novos usos para asegurar a súa continuidade. A reflexión abordará, así, cuestións como os límites das intervencións, a reversibilidade das actuacións, o equilibrio entre preservación e transformación e a necesidade de integrar diferentes disciplinas e saberes na toma de decisións.
As seguintes sesións celebraranse os días 16 e 23 de novembro. A segunda, baixo o título «Proxectar e executar intervencións sobre o patrimonio edificado de Galicia. Da multidisciplinariedade á transdisciplinariedade», centrarase na coordinación dos distintos coñecementos e profesionais que participan nos proxectos. A terceira, «A regulación das intervencións sobre o patrimonio edificado de Galicia. Entre as regras legais e a aplicación», analizará o marco normativo e os criterios que orientan a súa interpretación e aplicación.





