----

Unha xornada aborda a importancia da investigación nos museos

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Galego de Museos celebran este martes (10 novembro, a partir das 9:30 horas) en Santiago de Compostela a xornada “Construír museo. A investigación como núcleo da institución”, un encontro que reunirá responsables e profesionais de museos galegos e do conxunto do Estado para reflexionar sobre o papel da investigación na actividade museística contemporánea. A iniciativa propón reivindicar o labor investigador como unha función esencial dos museos, máis alá da conservación e exhibición das coleccións, e como fundamento do coñecemento, dos discursos expositivos e da relación destas institucións coa sociedade. Dolores Vilavedra Fernández, presidenta do CCG; Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago de Compostela e presidente do Consello Galego de Museos; e M.ª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra inauguran esta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web e a canle de Youtube do CCG.

A xornada parte da consideración de que a investigación non é unha actividade complementaria, senón un dos piares da misión dos museos. É a través dela como se documentan e interpretan as coleccións, se constrúen os discursos expositivos, se actualizan os coñecementos e se xeran novas formas de relación cos públicos. O obxectivo é abrir un espazo de reflexión compartida que contribúa a fortalecer a cooperación entre institucións e a situar a produción e transmisión do coñecemento no centro do proxecto museístico.

O programa
O programa da mañá desta sesión veuse alterado polas diferentes folgas programadas esta semana polo que as sesión da mañá desenvolversanse por videconferncia. A primeira, titulada “Artistas filipinos en España. Un proxecto de investigación no Museo Nacional del Prado”, correrá a cargo de Javier Barón Thaidigsmann, xefe de Coleccións de Pintura do Século XIX do Museo Nacional del Prado e especialista en pintura española desa centuria abre a sesión. A súa intervención presentará un proxecto que exemplifica como o estudo das coleccións permite descubrir novas relacións e intercambios culturais.

A continuación, terá lugar a entrevista con María López-Fanjul y Díez del Corral, directora do Museo de Bellas Artes de Asturias e con experiencia profesional en institucións como o Museo Reina Sofía, o Victoria and Albert Museum de Londres e os Museos Estatais de Berlín. A conversa estará conducida por Agar Ledo, técnica de investigación do Museo de Pontevedra e historiadora da arte con experiencia no comisariado de exposicións e na investigación museística. Por último intervirá Trinidad Nogales Basarrate, directora do Museo Nacional de Arte Romano de Mérida e investigadora especializada en arqueoloxía e historia da arte romana. A súa conferencia, titulada “Investigar nos museos, realidade ou utopía? O exemplo do MNAR de Mérida”, abordará as posibilidades e dificultades de consolidar a investigación como unha función estrutural dos museos. A sesión matinal rematará cun coloquio.

A sesión da tarde comezará coa conferencia de Isabel Rey Fraile, integrante do Departamento de Coleccións do Museo Nacional de Ciencias Naturales e secretaria do Consello Executivo de ICOM España. A súa achega permitirá incorporar a perspectiva dos museos científicos, desde a súa experiencia na conservación, documentación e investigación das coleccións de historia natural.

Baixo o título “A investigación nos museos galegos” representantes de seis institucións galegas abordarán a súa experiencia. Participan Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago, especialista no patrimonio artístico catedralicio e nas súas coleccións; Fátima Braña Rei, padroa do Museo do Pobo Galego, institución de referencia na investigación e difusión do patrimonio etnográfico galego; Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo e investigadora especializada en ourivaría antiga e patrimonio arqueolóxico; Manuel Mosquera Cobián, director do Museo de Belas Artes da Coruña, con experiencia na xestión de coleccións e na difusión artística; Diego Torres Iglesias, director do Museo do Castro de Viladonga, vinculado á investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico castrexo; e M.ª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra e especialista en historia da arte e nas coleccións artísticas da institución.

O encontro permitirá contrastar experiencias e analizar as posibilidades, dificultades e necesidades da investigación nos museos galegos, así como o seu papel na actualización do coñecemento das coleccións e na construción de relatos culturais rigorosos e plurais.