A xornada comezou coa palestra do arquitecto portugués João Mendes Ribeiro, unha das figuras recoñecidas da rehabilitación arquitectónica contemporánea, cuxo traballo recibiu importantes distincións nacionais e internacionais, entre elas o Prémio Nacional de Reabilitação Urbana (2017 e 2021), o BigMat Award na categoría de Restauración (2017), o Prémio FAD (2004 e 2016) e o RIBA Award for International Excellence (2016). Doutor en Arquitectura e profesor asociado na Universidade de Coimbra, Mendes Ribeiro centrou a súa intervención nos principios que deben orientar o traballo sobre edificios preexistentes. Defendeu que toda intervención debe partir dun estudo rigoroso do inmoble, identificar os seus problemas e explorar distintas solucións antes de formular o proxecto. «O máis interesante dos proxectos de rehabilitación é o que imos descubrindo durante o proceso de construción, porque eses descubrimentos enriquecen o propio proxecto», sinalou. Tamén destacou a importancia de comprender a configuración e o funcionamento orixinais dos edificios para atopar neles respostas ás necesidades futuras.
A continuación, a mesa temática reuniu a Luis Gil Pita, Fernando Agrasar, Eduardo Cruz, Elena Parajó e Óscar Andrés, que compartiron experiencias e proxectos de rehabilitación desde diferentes perspectivas. Luis Gil Pita puxo o foco no papel dos arquivos e das bibliotecas como fontes fundamentais de información e reivindicou o traballo en rede entre arquitectos, artesáns e especialistas nos distintos oficios. Fernando Agrasar incidiu na dimensión colectiva e social da arquitectura e no papel das decisións políticas nos procesos de conservación e rehabilitación. Pola súa banda, Eduardo Cruz presentou a intervención na fortaleza de Monterrei, na que se procurou recuperar a lectura do ámbito histórico e integrar novas necesidades de accesibilidade mediante o emprego de materiais e técnicas tradicionais. Óscar Andrés abordou a singularidade arquitectónica de Santiago de Compostela, unha cidade na que conviven a escala monumental e unha dimensión máis doméstica, cunha presenza constante do rural. Ademais, Elena Parajó xefa do Servizo de Arquitectura da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, explicou a metodoloxia das intervencións da Direccion Xeral a través de exemplos concretos nos que explicou os criterios, estudos e documentacion previas que se seguen nas intervención así como a preferencia pola utilizacion de materiais e tecnicas tradicionais nas restauración.
Os valores patrimoniais e a revisión dos criterios de intervención
A segunda parte da xornada articulouse arredor dunha mesa de debate con José Antonio Padrón, Patricia Cupeiro, Santiago Pintos Pena, Andrea Fernández e Manuel Chain, que analizaron a aplicación dos criterios de intervención e a necesidade de revisar como se incorporan os diferentes valores patrimoniais aos proxectos.
Unha das cuestións centrais foi a necesidade de superar unha visión exclusivamente material ou arquitectónica dos bens e recoñecer tamén as súas dimensións sociais, históricas e inmateriais. José Antonio Padrón, desde a perspectiva de ICOMOS, lembrou que os bens patrimoniais teñen valores que van máis alá dos seus atributos físicos. “Se non somos capaces de patrimonializar o ben, o ben pérdese”, advertiu, ao tempo que reivindicou a implicación da cidadanía nos procesos de conservación.
Patricia Cupeiro defendeu que cada intervención debe comezar coa construción dun coñecemento suficiente do edificio e que a historia da arte non pode quedar reducida a un documento previo ou a un anexo do proxecto arquitectónico. Tamén advertiu da insuficiencia de recursos económicos, técnicos e humanos e reclamou unha maior integración dos distintos especialistas ao longo de todo o proceso. Santiago Pintos Pena situou o coñecemento como primeira ferramenta de protección fronte á degradación do patrimonio e relacionou a súa continuidade coa sustentabilidade social, económica e ambiental. Andrea Fernández chamou a adaptar os criterios xerais de conservación á singularidade de cada ben e ás súas necesidades específicas, mentres que Manolo Chain lembrou que a experiencia lle confirma que non existe unha solución maxistral para resolver todos os conflitos que xorden nas intervencións porque cada unha delas ten a súa propia casuística.
As intervencións coincidiron na necesidade de entender a conservación e a rehabilitación como procesos complexos e colectivos, nos que deben dialogar diferentes saberes e compatibilizarse a preservación dos valores patrimoniais cos novos usos, a sustentabilidade e as demandas sociais. O debate permitiu, ademais, poñer sobre a mesa a conveniencia de revisar os criterios actuais e a súa aplicación práctica, así como de reforzar a participación cidadá.
O ciclo continuará os próximos 16 e 23 de novembro, con dúas novas sesións nas que se seguirá afondando nos retos que presentan a conservación, a restauración e a rehabilitación do patrimonio edificado. As achegas do conxunto das xornadas serán recollidas nun documento de conclusións que permita sistematizar o debate e avanzar nunha reflexión compartida sobre os criterios e as metodoloxías de intervención no patrimonio arquitectónico de Galicia.








