O especial toma como punto de partida o Día da Ciencia en Galego, iniciativa promovida por Igaciencia que nesta edición de 2026 homenaxea a Francisco Díaz-Fierros, científico galego de referencia no ámbito da edafoloxía, a disciplina que estuda as propiedades físicas, químicas e biolóxicas dos solos. A selección recupera materiais que permiten coñecer a súa traxectoria académica e investigadora, así como diferentes aspectos relacionados co estudo, a conservación e a recuperación dos terreos.
O solo desempeña funcións esenciais para a vida no planeta: subministra o 95 % dos alimentos, regula a calidade e o ciclo da auga, alberga arredor do 25 % da biodiversidade e almacena grandes cantidades de carbono. Coñecer as súas características resulta fundamental para afrontar problemas como a erosión e a salinidade, pero tamén para mellorar a xestión agrícola e forestal, planificar as intervencións urbanísticas, recuperar terreos degradados ou conservar os recursos hídricos.
A ducia de recursos seleccionados ofrece unha aproximación multidisciplinar a esta realidade. Entre eles figuran dúas entrevistas e conversas arredor de Francisco Díaz-Fierros, que permiten coñecer a súa traxectoria científica e o seu pensamento sobre a evolución e o aproveitamento dos solos galegos. A selección complétase con vídeos didácticos e divulgativos sobre a textura dos solos, a orixe do cheiro da terra mollada, a agrobioloxía ambiental, os organismos que habitan baixo os nosos pés e a redución da pegada hídrica na agricultura.
O especial aborda tamén cuestións como os efectos da actividade humana na xeomorfoloxía galega, o uso de drons para o levantamento topográfico, as novas técnicas para restaurar a biodiversidade e a rehabilitación ambiental de explotacións de áridos. Pecha a selección unha reflexión sobre os efectos do cambio climático nos ecosistemas terrestres galegos, a cargo do propio Díaz-Fierros.
Proxector, iniciativa de divulgación
Proxectoraudiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.



