A entrega de novembro de Proxector, proposta elaborada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega, co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achégase ao solo e á figura dun dos seus estudosos máis recoñecidos, o científico galego Francisco Díaz-Fierros. Baixo o título “O solo: un mundo por descubrir baixo os nosos pés”, unha ducia de recursos audiovisuais permiten achegarse ao coñecemento científico dos solos e á súa importancia para a vida e o equilibrio dos ecosistemas.
O especial toma como punto de partida o Día da Ciencia en Galego, iniciativa promovida por Igaciencia que nesta edición de 2026 homenaxea a Francisco Díaz-Fierros, científico galego de referencia no ámbito da edafoloxía, a disciplina que estuda as propiedades físicas, químicas e biolóxicas dos solos. A selección recupera materiais que permiten coñecer a súa traxectoria académica e investigadora, así como diferentes aspectos relacionados co estudo, a conservación e a recuperación dos terreos.
O solo desempeña funcións esenciais para a vida no planeta: subministra o 95 % dos alimentos, regula a calidade e o ciclo da auga, alberga arredor do 25 % da biodiversidade e almacena grandes cantidades de carbono. Coñecer as súas características resulta fundamental para afrontar problemas como a erosión e a salinidade, pero tamén para mellorar a xestión agrícola e forestal, planificar as intervencións urbanísticas, recuperar terreos degradados ou conservar os recursos hídricos.
A ducia de recursos seleccionados ofrece unha aproximación multidisciplinar a esta realidade. Entre eles figuran dúas entrevistas e conversas arredor de Francisco Díaz-Fierros, que permiten coñecer a súa traxectoria científica e o seu pensamento sobre a evolución e o aproveitamento dos solos galegos. A selección complétase con vídeos didácticos e divulgativos sobre a textura dos solos, a orixe do cheiro da terra mollada, a agrobioloxía ambiental, os organismos que habitan baixo os nosos pés e a redución da pegada hídrica na agricultura.
O especial aborda tamén cuestións como os efectos da actividade humana na xeomorfoloxía galega, o uso de drons para o levantamento topográfico, as novas técnicas para restaurar a biodiversidade e a rehabilitación ambiental de explotacións de áridos. Pecha a selección unha reflexión sobre os efectos do cambio climático nos ecosistemas terrestres galegos, a cargo do propio Díaz-Fierros.
Proxector, iniciativa de divulgación Proxectoraudiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.