NOTICIA

----

Vilalba acolle unhas xornadas para reflexionar sobre a diversidade e os retos da integración

O Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Chairegos, (IESCHA) coa colaboración do Concello de Vilalba, celebran desde mañá ata o sábado as “Xornadas sobre inmigración”. Dous días de relatorios, exposicións e música que converterán a Casa da Cultura do concello lucense nun espazo de reflexión e diálogo arredor dos procesos migratorios, a diversidade cultural e os desafíos da convivencia e da integración social.

O programa reunirá especialistas de diferentes ámbitos para abordar cuestións como a desinformación e os discursos de odio, a incorporación do alumnado migrante ao sistema educativo, a transformación social das comunidades receptoras e a mediación intercultural. Tamén se achegará á experiencia da diáspora saharauí en Galicia e ás vivencias da soidade e do desarraigamento.
As xornadas comezarán o venres 13 de novembro, ás 17:30 horas, coa inauguración a cargo de Marisa Barreiro, en representación do IESCHA, e Marta Rouco, polo Concello de Vilalba. A continuación, presentaranse dúas exposicións: As cores do respecto, de Le Magic Mayimba (Pablo del Valle), e Os adeuses, unha selección de fotografías de Alberto Martí cedida polo CCG.

A primeira sesión contará coa participación da socióloga Ana María Pernas Vázquez, que ofrecerá o relatorio “Dos ventos do odio ás tempestades da violencia: memes e desinformación”. Pola súa banda, o inspector de Educación José Eduardo Basanta Montenegro abordará a realidade do alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo, cunha ollada específica ao concello de Vilalba. Pechará a xornada Luzia Oca González, doutora en Antropoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha intervención sobre a transformación de Burela, “De parroquia mariñeira a vila super-diversa”.

A programación continuará o sábado 14, a partir das 11:30 horas, coa intervención de Noura El Amrani Sbai, mediadora intercultural no Concello de Arteixo, que analizará a evolución da migración e da mediación intercultural ao longo dos últimos vinte anos.

A música tamén terá presenza nesta sesión cunha intervención de Pablo del Valle, que ofrecerá unha aproximación a África a través dos instrumentos de percusión. A continuación, Ana María Pernas Vázquez presentará o relatorio “Saudade do deserto: a soidade na diáspora saharauí en Galiza”, acompañada na mesa por Souadou Mohamed Fadel, membro da Comunidade Saharauí en Galiza e profesora de español como lingua estranxeira (ELE).
As xornadas concluirán coa clausura e unha ofrenda floral no monólito das Irmandades.

Dúas exposicións abertas ata o 10 de decembro
As dúas mostras que se inaugurarán o venres, “As cores do respecto”, de Le Magic Mayimba (Pablo del Valle), e “Os adeuses”, de Alberto Martí, cedida polo CCG, poderán visitarse na Casa da Cultura de Vilalba ata o 10 de decembro de 2026, no horario habitual do centro.

Colaboración continuada
En 2019 o Consello da Cultura Galega e o IESCHA iniciaron esta vía de colaboración cunha cita titulada “Xornadas da muller” que, durante dous días, destacou o papel das mulleres na cultura. Tralo parón no ano da pandemia, a colaboración retomouse en 2021 cunha xornada sobre a revisión histórica en clave local das Irmandades da Fala á que lle seguiu outra sobre a creación artística. En 2023 abordouse o papel das mulleres nas Irmandades da Fala, mentres que en 2025 e 2025 as xornadas analizaron a situación do patrimonio.