NOTICIA

----

Os museos reivindican a investigación como motor e como ferramenta para dialogar coa sociedade

Crear redes estables de investigación entre museos, universidades, e centros especializados é unha das ideas centrais que se apuntaron este martes na xornada “Construír museo. A investigación como núcleo da institución”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Galego de Museos. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra Fernández, destacou na inauguración a importancia da investigación como “o corazón dos museos” e incidiu que o labor investigador precisa cooperación, diálogo e innovación. Pola súa banda, Ramón Yzquierdo Peiró, presidente do Consello Galego de Museos, reivindicou a utilidade e necesidade dos museos para a sociedade. M.ª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra, destacou que “o museo debe ser capaz de producir coñecemento, un lugar onde se investiga, se documenta, se formulan preguntas e se constrúen interpretacións sobre os bens culturais que conservamos”.


Durante todo un día, diferentes relatores destacaron que compartir recursos, metodoloxías e proxectos permitirá multiplicar as posibilidades das institucións museísticas. A principal reivindicación foi recoñecer os museos como centros capaces de producir coñecemento, formular novas preguntas e contribuír activamente ao desenvolvemento científico e cultural. Porque investigar non consiste unicamente en coñecer mellor o que se conserva, senón tamén en compartir o que sabemos e construír coñecemento colectivamente.

As intervención da mañá
A primeira intervención da mañá foi unha entrevista por videoconferencia a María López-Fanjul y Díez del Corral, directora do Museo de Bellas Artes de Asturias, conducida por Agar Ledo, do Museo de Pontevedra. A especialista defendeu que a investigación é imprescindible para abordar calquera das funcións dun museo: “Non podes conservar ben unha colección, non podes restaurala e non podes difundila sen saber co que estás traballando”. Desde a súa experiencia en institucións museísticas, explicou a importancia de revisar os relatos tradicionais das coleccións e incorporar novas perspectivas que permitan conectar as obras coas preocupacións actuais da sociedade. Como exemplo, referiuse ao traballo desenvolvido no Bode-Museum de Berlín para actualizar os textos e interpretacións da colección permanente, así como á necesidade de que os museos investiguen tamén sobre a súa propia historia e revisen criticamente a súa traxectoria. Defendeu, ademais, que os equipos directivos deben facilitar o traballo dos conservadores e garantirlles tempo e espazo para investigar.

Javier Barón Thaidigsmann, quen foi xefe de Coleccións de Pintura do Século XIX do Museo Nacional del Prado, presentou o proxecto Artistas filipinos en España. Un proxecto de investigación no Museo Nacional del Prado. A súa intervención permitiu coñecer como a investigación transforma o coñecemento das coleccións e abre novas posibilidades expositivas. Como antecedentes, lembrou os traballos desenvolvidos para exposicións como Sorolla (2009), que permitiron superar a visión máis coñecida do artista e afondar noutras facetas da súa produción mediante a consulta de arquivos, correspondencia e hemerotecas, e El Greco y la pintura moderna (2014). O novo proxecto de I+D+i do Prado, cunha duración de catro anos, estudará a axencia filipina das artes visuais en España entre 1764 e 1898, cunha perspectiva ampla que abrangue a arquitectura, as artes visuais e a literatura, coa posibilidade de incorporar tamén a música. A iniciativa permitirá integrar investigadores en formación e equipos de diferentes departamentos, incluídas as áreas de conservación, restauración, fotografía e laboratorio, e servirá de base para futuras exposicións. Barón reivindicou a posición dos museos como punta de lanza da investigación pola relación directa dos seus profesionais coas obras e o coñecemento especializado das coleccións.

A directora do Museo Nacional de Arte Romano de Mérida, Trinidad Nogales Basarrate, abordou a investigación como unha realidade necesaria, pero condicionada por importantes dificultades. Advertiu de que os museos foron perdendo capacidade investigadora pola falta de recursos e medios e reivindicou a súa condición de centros produtores de coñecemento. Explicou a evolución do museo emeritense, que desde as súas orixes mantén unha estreita vinculación coa investigación da romanidade e que, nos últimos corenta anos, se consolidou como referente científico do mundo antigo. Nogales incidiu especialmente na transferencia social do coñecemento: os resultados da investigación deben chegar á cidadanía e non quedar restrinxidos ao ámbito académico. Tamén expuxo as limitacións derivadas do actual marco da Lei da ciencia, que non recoñece os museos como organismos públicos de investigación, e explicou o papel da Fundación de Estudios Romanos como instrumento para acceder a convocatorias e recursos. Entre as novas liñas de traballo citou a utilización de modelos tridimensionais e intelixencia artificial para estudar e reconstruír pezas arqueolóxicas.

As intervencións da tarde
Na sesión da tarde, Isabel Rey Fraile, do departamento de Coleccións do Museo Nacional de Ciencias Naturales e secretaria do Consello Executivo de ICOM España, afondou na dimensión investigadora dos museos científicos e na importancia de traballar en rede. A súa intervención puxo o foco no valor das coleccións de xeodiversidade e biodiversidade como fontes de información imprescindibles para a investigación actual e futura. Estas coleccións, explicou, poden resultar fundamentais para afrontar desafíos científicos como a desaparición de especies ou a busca de respostas ante novos virus. A colaboración entre institucións e a creación de redes de traballo son, neste contexto, imprescindibles: ningún museo pode afrontar por si só todos estes retos.

A continuación celebrouse a mesa de debate «A investigación nos museos galegos», moderada por César Llana, director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na que participaron Ramón Yzquierdo Peiró, Fátima Braña Rei, padroa do Museo do Pobo Galego; Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; Manuel Mosquera Cobián, director do Museo de Belas Artes da Coruña; Diego Torres Iglesias, director do Museo do Castro de Viladonga, e M.ª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra.

Manuel Mosquera Cobián presentou os proxectos de investigación desenvolvidos no Museo de Belas Artes da Coruña desde 2016, especialmente os relacionados coa análise material das obras, a documentación e a restauración, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Os estudos de pigmentos, radiografías e análises técnicas permitiron afondar no coñecemento de diferentes pezas, entre elas obras de Luis Seoane. Unha parte importante deste traballo trasladouse ao público a través da exposición Pinceladas ocultas, que deu visibilidade ao labor dos equipos técnicos que habitualmente permanece detrás das exposicións. Tamén explicou o proxecto de recreación virtual da Torre da Parada, desenvolvido co Museo del Prado e o laboratorio VIDEALAB da Universidade da Coruña, que permite reconstruír dixitalmente o espazo histórico e achegarse á súa colección de obras de Rubens, Velázquez e outros artistas. Mosquera insistiu en que a investigación debe ter sempre unha dimensión divulgativa e contribuír a mellorar a conservación e os discursos expositivos.
Diego Torres Iglesias explicou a relación de simbiose entre o Museo do Castro de Viladonga e o xacemento arqueolóxico, unha institución que, nos seus corenta anos de historia, se converteu tamén nun referente cultural da súa contorna. Identificou tres grandes liñas de investigación: as escavacións arqueolóxicas, o estudo das coleccións e a análise do discurso expositivo. Neste último ámbito destacou os traballos derivados da tese de doutoramento de Andrea Mouriño. O director explicou que na investigación participan tanto os profesionais do museo como colaboradores externos e investigadores académicos, e defendeu que se trata dun proceso continuo que permite obter nova información, valorizar o patrimonio e adaptar a atención aos diferentes públicos. Entre as dificultades sinalou as limitacións da biblioteca e dos espazos de almacenamento, así como a necesidade de avanzar no estudo dos propios visitantes.

M.ª Ángeles Tilve Jar afondou na tradición investigadora do Museo de Pontevedra, presente desde a súa orixe e vinculada á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e ao espírito do Seminario de Estudos Galegos. A institución conserva un importante patrimonio documental e fotográfico, con máis de 45.000 expedientes e 700.000 imaxes, ademais de máis de 30.000 obxectos catalogados e accesibles a través da súa web. Tilve destacou as liñas de investigación arredor de Castelao, a actividade editorial e a apertura de novas lecturas sobre as coleccións, entre elas a colaboración con artistas contemporáneos convidados a investigar sobre os propios fondos do museo. Ao mesmo tempo, advertiu das dificultades para desenvolver este labor pola insuficiencia de persoal e reivindicou a profesionalización dos equipos e a dotación de recursos.