NOTICIA

----

O galego está presente no 3,4% das resolucións xudiciais nos órganos colexiados segundo un informe do Observatorio da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este venres “O galego nas resolucións xudiciais. Análise do fondo documental do CENDOJ (1990-2025)”, que analiza a presenza do galego nas resolucións xudiciais de órganos con sede en Galicia publicadas no Dentro de Documentación Judicial (CENDOJ). “Só o 3,4% da documentación rexistrada está en lingua galega” apuntou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, que destacou o dobre obxectivo do informe “ter información para poder identificar os problemas e crear accións que axuden a mellorar esa situación. Na rolda participaron tamén Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega e Xesús Palmou, académico da Academia Galega de Xurisprudencia e representante desa entidade no Plenario do CCG, que apuntou que “malia os datos, podemos mirar o futuro con certo optimismo”. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web corporativo.

O estudo, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do CCG, constata que o uso desta lingua na xustiza depende dun grupo moi reducido de profesionais e reclama ferramentas, recursos e estruturas estables para estendelo e consolidalo. Sitúase no marco de acción da CCG derivada do foro Un país coa súa lingua, que formulou un centenar de medidas para contribuír a reverter a situación do idioma e no que tamén había un apartado específico para a xustiza. "Con este estudo buscabamos ter información sectorial para poder establecer que medidas se poden implementar e que forma parte dunha liña de traballo da institución que seguirá atenta á implementación do Novo Plan Xeral de Normalización Liguística", apuntou a presidenta.

Os datos achegados hoxe poñen en evidencia que as oscilacións e melloras rexistradas durante as tres décadas analizadas non se traduciron nunha expansión sostida do galego. O ano 2025 marca o máximo da serie, cun 4,85 % e un total de 1.178 resolucións publicadas en galego. Porén, o incremento non é homoxéneo. A xurisdición contencioso-administrativa alcanza o 14,8 %, mentres que a social incorpora 276 resolucións nesta lingua. Pola contra, a xurisdición civil experimenta un acusado retroceso: pasa do 3,3 % en 2021 ao 0,2 % en 2025. O balance pon de relevo que a mellora global responde a evolucións diferentes e non permite afirmar que exista unha extensión xeral do uso do galego. O estudo analizou preto de 555.000 resolucións, pero estas corresponden só a órganos colexiados, polo que non miden con exhaustividade o conxunto dos usos lingüísticos na xustiza.

Unha presenza que depende de poucas persoas
Un dos resultados máis significativos do informe é a elevada concentración da produción en galego. Entre 1997 e 2025 identifícanse 86 relatores e relatoras que asinaron algunha resolución nesta lingua. Unha lectura máis profunda revela que só tres persoas concentran o 74,6 % da documentación publicada en galego. As dez primeiras reúnen o 93,6 %.

Esta dependencia das iniciativas individuais fai que a continuidade do galego sexa especialmente vulnerable aos cambios na actividade profesional ou nos destinos xudiciais. O informe ilústrao coa evolución recente: o descenso das resolucións civís en galego coincide coa interrupción da produción nesta lingua dun dos relatores, mentres que todas as resolucións publicadas en galego pola Sala do Social en 2025 corresponden a un único profesional.

A análise amosa tamén que existe unha importante desigualdade entre órganos e territorios. As Audiencias Provinciais e a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia concentran case o 98 % das resolucións en galego dos órganos colexiados. Se se consideran todos os órganos, a Audiencia Provincial de Pontevedra achega o 62 % da documentación nesta lingua. O informe advirte, porén, de que estas diferenzas están condicionadas pola localización e composición dos órganos xudiciais e non poden interpretarse como un reflexo directo do uso social do galego en cada provincia.

Un carácter propositivo
O estudo identifica eivas como a falta de aplicacións de xestión procesual plenamente operativas en galego, a escaseza de modelos documentais e recursos terminolóxicos e a ausencia dun servizo estable de apoio e normalización lingüística na Administración de xustiza. Esta última é unha demanda que estaba presente no documento final do foro Un país coa súa lingua e que non se recolleu no Plan Xeral de Normalización Lingüística recentemente aprobado.

O documento ten carácter propositivo e pon sobre a mesa algunhas medidas para reverter a situación, como incorporar o seguimento periódico da presenza do galego á avaliación das políticas lingüísticas, con indicadores que permitan coñecer non só a porcentaxe de resolucións nesta lingua, senón tamén a súa distribución por órganos, xurisdicións e territorios e o número de profesionais que contribúen a esa produción. Outra das recomendacións é mellorar a información dispoñible sobre a actividade que non chega ao CENDOJ. A colaboración coas administracións responsables da xustiza e coa AMTEGA permitiría incorporar aos sistemas de xestión procesual datos sobre a lingua das sentenzas e dos autos definitivos, ampliar o coñecemento da actividade dos órganos unipersoais e dispoñer dunha diagnose máis completa.

No ámbito dos recursos, o estudo aposta por aplicacións plenamente operativas en galego, modelos documentais actualizados, ferramentas terminolóxicas e un servizo estable de normalización lingüística, coordinado desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que proporcione tradución, revisión e asesoramento. Tamén propón crear órganos xudiciais piloto que permitan avaliar estas medidas e garantir a continuidade do traballo en galego nos cambios de destino e nos relevos de persoal.

As propostas inclúen igualmente reforzar os dereitos lingüísticos da cidadanía: preguntar pola lingua habitual antes do inicio do procedemento, garantir que a elección poida manterse nas comunicacións e notificacións e incorporar ao CENDOJ as traducións ao galego que se notifican ás partes, xunto coa versión orixinal.

No marco da presentación, Xoaquín Monteagudo destacou que "os que facemos xustiza en galego somos activistas e levamos anos reclamando unha mellora nas aplicacións informáticas para que poidamos funcionar en galego". Unha situación coa que coincidía Xesús Palmou ao tempo que demandou a esixencia de coñecemento do galego para os funcionarios de xustiza, así como unha mellora nas aplicacións informáticas para poder facilitar o desenvolvemento da práctica en galego. Amosaron tamén certo optimismo de cara ao futuro, derivado de que está en proceso de implantación un novo programa de xustiza, Atenea, que conta cunha versión bilingüe e que estará plenamente operativo o vindeiro 28 de febreiro.