----

Ramón Villares participará no Pleno do Consello de Comunidades Galegas e inaugurará, co Presidente da Xunta, a exposición "Nós mesmos" en Montevideo

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2009.- O Presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, viaxa hoxe a Montevideo (Uruguay) para tomar parte no Pleno do Consello de Comunidades Galegas e inaugurar no Centro Galego, xunto co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”. A novena sesión do plenaria do Consello da Comunidades Galegas celebrarase NO Hotel Radisson Victoria Plaza, en Montevideo, os días 7 e 8 e distribuirá os seus traballos e relatorios nas áreas de: Galeguidade -que presidirá Ramón Villares-, muller e xuventude, políticas socio-asistenciais e tecnoloxía e cultura. O Consello de Comunidades Galegas, creado pola Lei galega 4/1983, do 15 de xuño, de Recoñecemento da Galeguidade é o órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Con carácter deliberante e funcións consultivas, o consello asesora á Administración autonómica. Compoñen o Consello de Comunidades Galegas, que preside o titular da Xunta de Galicia, os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Educación e Ordenación Universitaria, Economía e Industria, Traballo e Benestar, Cultura e Turismo e Sanidade, o Secretario Xeral da Emigración, o Secretario Xeral para o Deporte, o Secretario Xeral para o Turismo, un representante do Consello da Cultura Galega, un representante da Real Academia Galega, un representante de cada unha das tres universidades galegas e un representante por cada unha das comunidades inscritas no Rexistro de Comunidades Galegas. “NÓS MESMOS” NO CENTRO GALEGO O luns, día 7 ás 15´30 horas, Ramón Villares, xunto co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inagurará no Centro Galego de Montevideo, que preside Julio Ríos Serapio, a exposición itinerante “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”. Trátase dunha mostra promovida polo Arquivo da Emigración Galega do CCG, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Foi comisariada por Pilar Cagiao Vila e Vicente Peña Saavedra e puido verse con anterioridade en Lisboa, Sevilla, Mar del Plata, Bos Aires e Rosario.