----

A mostra “Nós mesmos-Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase mañá no Centro Galego de Barcelona

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde o 19 de xaneiro ata o 20 de febreiro no Centro Galego de Barcelona (Rambla Caputxins, 35-37). A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada o sábado día 19 ás 19´30 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co titular do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, e o Delegado Territorial da Generalitat, Salvador Jordá. Asistirán tamén presidentes e directivos de distintas sociedades e entidades relaiconadas coa emigración.

A exposición NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN consta de sete bloques temáticos, desenvolvidos en 55 paneis, e permite seguir a evolución das sociedades microterritoriais e as dimensións mutualista, educativa, artística, cultural, sanitaria e política do asociacionismo galego na diáspora, afirma Pilar Cagiao, comisaria do proxecto xunto con Vicente Peña Saavedra. Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.