A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, foi inaugurada o mércores día 1 de maio ás 12 horas no Centro Multiusos de Arbo, coincidindo coas celebracións da LIII Festa da Lamprea. No Multiusos permanecerá ata o 5 de maio para pasar a semana seguinte ao Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (ARABO).
A exposición NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN consta de sete bloques temáticos, desenvolvidos en 55 paneis, e permite seguir a evolución das sociedades microterritoriais e as dimensións mutualista, educativa, artística, cultural, sanitaria e política do asociacionismo galego na diáspora, lembra Pilar Cagiao, comisaria do proxecto xunto con Vicente Peña Saavedra. Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.


