Emilia García López, representante do Arquivo da Emigración Galega, intervirá este venres na xuntanza anual da AEMI e fará unha descrición do proxecto Epístola que desenvolve o Consello da Cultura Galega. Este traballo, que se insire dentro dos labores de recuperación e preservación dos fondos documentais, consiste na recuperación (localización, identificación e dixitalización) das correspondencias de persoas relacionadas coa emigración galega.
A European Association of Migration (AEMI) celebra unha xuntanza anual na que aborda o tema das migracións desde diferentes puntos de vista, atendendo tanto a cuestións históricas como contemporáneas. Migración infantil, desemprego e migración de mozos, as migracións internas en Europa, refuxiados , inmigrantes de retorno e a migración circular, migración e comunicación social son algúns dos temas que se analizaron nas últimas sesións. Nesta ocasión ponse o foco nos refuxiados, por ser un tema de actualidade. A intervención do Arquivo de Emigración Galega faise dentro da sesión destinada a “Arquivos e Museos”.
O Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.
Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.


