----

O catedrático de Historia Contemporánea Xosé Manoel Núñez Seixas, “Consello da Cultura Galega Visiting Professor” na Universidade de Stanford

Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, encóntrase dende o pasado 2 de xaneiro na Universidade de Stanford (California, EUA) como "Consello da Cultura Galega Visiting Professor" adscrito ao Center for Iberian and Latin American Studies.

A estadía enmárcase no protocolo de colaboración asinado en febreiro de 2010 entre o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e Richard Saler, Decano do Colexio de Humanidades e Ciencias da Universidade de Stanford para a difusión da cultura galega.

O profesor Núñez Seixas está a ensinar no trimestre de inverno (xaneiro-marzo) o curso, dirixido a estudantes de grao e de posgrao, "Spanish Nationalist Discourses from General Franco to President Zapatero". Ademais impartirá dúas palestras noutros institutos da Universidade de Stanford: O día 16 de febreiro, sobre Galicia como país de emigración e inmigración, no Center for Latin American Studies, e o día 2 de marzo, no "Freeman Spogli Institute for International Studies", sobre os discursos soberanistas nos nacionalismos subestatais na Europa actual.).

O día 23 de febreiro intervirá, cun relatorio sobre política e lingua na Galicia do século XX, nun coloquio organizado pola Universidade de Santa Barbara (California), e o 24 e o 25 de marzo participará no congreso anual do Center for Basque Studies da Universidade de Reno (Nevada), cun relatorio sobre linguas e identidades no Estado español.

Completando o seu ciclo docente nos Estados Unidos, Xosé Manoel Núñez Seixas dará unha palestra o día 1 de abril na Universidade de York (Toronto) e entre o 4 e o 8 de abril impartirá o seminario "Exile and Migration during Francoism: A Historical Reassessment from a Galician Perspective", no Graduate Center da City University of New York. Finalmente o día 7 de abril impartirá unha palestra na New School for Social Research de Nova York.