A continuación, ofrecémoslles a lista-inventario dos fondos editados dispoñibles no Arquivo Sonoro de Galicia. Os datos que se facilitan son: intérprete, título disco, soporte, nº currens, ano edición. A lista vai alfabetizada polo intérprete. As siglas dos soportes corresponden a: CD (compact disc), SCD (single de compact disc), SI (single vinilo), LP (vinilo longa duración), CA (casete), OO (disco de pizarra ou de pasta), DVD (digital video tape), CD-DVD (compact disc + digital video tape). Estas siglas van acompañadas de –L cando o soporte audio vén complementado cun libriño.
Fondos editados
Soportes dos fondos
Contidos:
Ao tratarse dunha colección de soportes discográficos editados é a música a protagonista case absoluta desta parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia. Non obstante, tamén existen documentos editados que recollen fondos orais (contacontos, voces de persoeiros, voces literarias,…).
Dentro da música galega recollida, e consecuencia da historia cultural de Galicia do último século, predominan as composicións tradicionais e a música folk. O proceso de normalización, e mesmo de globalización, que sofre a cultura galega en xeral -e a música como unha das súas manifestacións- conleva unha apertura a distintos estilos musicais como queda reflectido nos últimos traballos discográficos. Tamén a creación das dúas orquestras sinfónicas subsana, aínda que polo de agora timidamente, a disposición de gravacións dos nosos compositores.
Procedencia:
A colaboración de particulares, institucións, músicos e compañías discográficas resulta imprescindible para completar progresivamente a colección e evitar omisións, por outra parte, inexcusables.
O Arquivo Sonoro de Galicia está a facer un esforzo, económico e de xestión, para a recuperación de discos de pizarra que se atopan en mans de particulares. As limitacións orzamentarias acurtan e pospoñen esta busca que unicamente a xenerosidade dos posuídores podería subsanar.
Cabe destacar entre a nosa discografía, as edicións realizadas na emigración arxentina polo Instituto Arxentino de Cultura Galega (Centro Galego), entre outras organizacións, que recolle composicións dalgún dos nosos mellores maestros e que foron recuperadas e cedidas desinteresadamente.


